A horta de María ilumina cada Nadal o Barco de Valdeorras con luces e tradición
Os Reis Magos teñen sempre un destino fixado grazas a estrela que os guía. No Barco de Valdeorras, esa estrela reside nunha vivenda na estrada xeral entre a gasolineira e a Ponte de San Fernando, si pasas por aí de seguro que non podes apartar a mirada. É o fogar de alugueiro de María de Barcelos (Portugal), un espazo que se transforma cada ano. Con máis de tres décadas en España, María conserva as súas raíces portuguesas e recorda todos os momentos pasados coa súa familia na súa terra natal.
As luces que adornan a súa casa son todo un espectáculo, froito dun traballo dedicado que María leva a cabo con paciencia. Ano tras ano foi sumando novos elementos decorativos, moitos deles feitos de materiais reciclados ou regalados. Hai que parar no Belén que ten xusto a esquerda da porta de entrada. Pasa desapercibido, pero se te fixas é todo un espectáculo. Este espazo conta con luz propia e con todas as figuras que se pode un imaxinar.
A súa iniciativa non pasa desapercibida por todas as persoas que pasan pola zona. «É unha marabilla, dá vida ao barrio. Foi a primeira en traer este tipo de decoracións», comenta Pili, unha das súas veciñas.
Durante tres semanas, María traballou arreo para que todo estivese listo antes do acendido de Abel Caballero, tal e como comenta ela mesma entre risas. Iso si, as luces permanecen acesas ata ben entrada a mañá, non se apagan pola noite.
Despois de todo o esforzo e ilusión, María síntese orgullosa de todo o conseguido, iso vese nos seus ollos. Ela mesma espera seguir agrandando este proxecto e iluminar toda a finca. Porque tal e como di: «A casa non se chega a ver, pero a finca si».