Expertos e proxectos de recuperación do monte deronse cita no Barco para analizar o futuro despois os lumes

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán celebrou a segunda das súas xornadas culturais dedicadas á xestión multifuncional do monte

O Teatro Lauro Olmo do Barco acolleu a segunda das Xornadas Culturais da Fundación Florencio Delgado Gurriarán dedicadas ao monte baixo o título «O que agroma. Recuperación e actividades económicas».

A cita reuniu expertos, investigadores e profesionais de distintos ámbitos para analizar iniciativas de recuperación do territorio tras os lumes e expoñer modelos de xestión sostible do monte.

Durante a xornada abordáronse cuestións como a recuperación dos chans queimados, a prevención de incendios, a gandería extensiva, a viticultura ou os aproveitamentos forestais multifuncionais.

Os técnicos da Fundación Juana de Vega, Francisco García e Daniel Canosa, puxeron o foco na necesidade de facer viable economicamente o monte e facilitar os trámites administrativos para impulsar proxectos no rural. «O monte ten que dar», resumiu Canosa como unha das reflexións máis habituais entre a veciñanza.

A investigadora Leonor Calvo, da Universidade de León, defendeu o uso das queimas prescritas e destacou o papel de especies como bidueiras ou enciñeiras como cortalumes naturais.

Tamén participou o enxeñeiro forestal Hugo Rodríguez, quen apostou por unha planificación do monte baseada en espazos diversificados e limpos para frear os incendios antes de que cheguen ás aldeas.

Un dos exemplos máis destacados foi o presentado por Xosé Antón Araúxo, presidente dos Montes de Couso, en Gondomar, onde levan anos apostando por usos alternativos ao eucalipto, como o cultivo de shitake ou arandos, xerando emprego e actividade económica arredor do monte.

Jorge Mazaira durante a súa intervención

A viticultura e a gandería tamén tiveron protagonismo. O director técnico da DO Valdeorras, Jorge Mazaira, explicou que o viñedo da comarca mantense arredor das 1.300 hectáreas e avanzou un estudo para analizar as consecuencias dos lumes nos chans. Pola súa banda, o gandeiro Mario Nogueira criticou a falta de adaptación das axudas ás necesidades reais do sector tras os incendios.

A xornada pechouse coa intervención do alcalde de Somiedo, Belarmino Fernández, quen presentou o modelo deste concello asturiano baseado na convivencia entre conservación ambiental, turismo e gandería extensiva.

As xornadas da Fundación Florencio Delgado Gurriarán continuarán o vindeiro 13 de xuño en Larouco cunha sesión dedicada ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico do monte.

 

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado