O 17 de xullo de 2023 arrincaba o mandato tras as últimas eleccións municipais na Deputación de Ourense. Agora, uns días despois deste primeiro aniversario, o deputado socialista —e concelleiro no Barco— Aurentino Alonso, fixo balance deste tempo, «do conseguido. Porque é importante que a veciñanza saiba a labor que estamos facendo en Ourense defendendo os seus intereses».
Entre as accións destacadas, Alonso fixo fincapé, entre outras, no plan CooperOU, «o plan único de financiación de concellos que levamos moitísimos anos reclamando».
Hoxe mércores 24 de xullo terá lugar o último pleno ordinario na Deputación até o mes de setembro, e nel os socialistas presentarán unha moción tras a «polémica de Sogama sobre a xestión do lixo en Galicia, concretamente en 295 concellos».
Por outra banda, dende o BNG presentarán unha moción sobre a Mellora das infraestruturas viarias en Valdeorras, e dende o grupo socialista presentarán unha serie de emendas «porque a vemos algo "coxa", sobre todo cando se fala da nosa comarca». Neste senso observan os socialistas algunhas eivas «na estrada dende O Castro até Vilanova ou na travesía de Veigamuiños».
Tamén incidirán nas súas emendas no arreglo e mellora «no tramo final da N-536 ao seu paso por Vilamartín que entronca na OU-603 —por onde pasan moitos peregrinos—; na OU-533 entre A Rúa e Viana e A Gudiña; unha circunvalación para Viana do Bolo; na estrada entre Larouco e A Pobra de Trives; e na estrada que vén de Sobradelo por Éntoma».
A entrevista completa con Aurentino Alonso está dispoñible neste enlace de audio: