O Diario Oficial de Galicia —DOG—, publicou este xoves, 13 de xuño, a convocatoria de máis de 100 prazas para postos na Policía Local de 31 concellos galegos. Unha delas atópase no Barco de Valdeorras, en concreto unha de oposición libre.
Neste caso as solicitudes débense presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. De maneira opcional, segundo se explica no DOG, poderase presentar de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas que decidan anotarse deberán indicar na solicitude se o texto da primeira proba se entrega en galego ou castelán. Cabe destacar que unha vez realizada esta elección e presentada a solicitude non se poderá modificar.
O pagamento das taxas
Como requisito para participar neste proceso deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes, en concepto de dereito de inscrición, o importe de 33,13 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes. Este pago poderase facer das seguintes maneiras:
- De maneira electrónica: con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito e, no caso de que se teña certificado dixital, poderase tamén facer con cargo a unha conta bancaria da persoa titular. No momento de facer o pagamento obterase un xustificante.
- De maneira presencial: neste caso deberase imprimir o documento de pagamento e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle deberá selar o xustificante coa data do pagamento.
As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.
As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega, de ser o caso.
Pódese atopar máis información na páxina oficial do Diario Oficial de Galicia.