viernes. 12.09.2025

«En construción», a arte de Anxo Barranga que nunca remata

A exposición de pintura e escultura do pintor, escultor, actor e narrador pode verse na Sala Abanca do Barco

A Sala Abanca do Barco de Valdeorras acolle dende este xoves «En construcción», a nova proposta artística de Anxo Baranga, autor do cartel das Festas do Cristo. A mostra reúne unha coidada selección de pinturas e esculturas en papel maché, algunhas delas elaboradas no seu obradoiro de Córgomo, e compleméntase con obradoiros participativos e sesións de narración oral.

A inauguración contou coa presenza de Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura e Educación do Concello do Barco, quen acompañou ao creador nun acto que foi, en si mesmo, unha mestura de arte plástica e palabra viva. Tras explicar unha por unha as pezas expostas, Baranga deu paso a unha das súas narracións, nas que combinou debuxo e relato. Comezou debuxando a silueta do mar Mediterráneo nunha pizarra, comparándoa cunha aira de veciños que «pelean», para chegar a Palestina e denunciar, cun ton didáctico e natural, a inxustiza do conflito.

Un obradoiro trasladado á sala

O artista explicou que a exposición é tamén unha oportunidade para recrear o obradoiro que mantén en Córgomo, un espazo aberto onde adoita traballar en papel maché á vista dos veciños e visitantes. Agora, esa mesma dinámica trasládase ao Barco. «Podo facer papel maché e convertir esta exposición en que as persoas que queiran vir a aprender poidan facelo aquí polas tardes», indicou Baranga, quen tamén convidou a colaborar na pintura dun lenzo colectivo sobre os lumes, parte dunha serie que denomina «No País dos Lumes».

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición352

Obras con historia

As pezas presentadas teñen percorridos e significados diversos. Entre elas destacan autorretratos de diferentes etapas, investigacións sobre técnicas de cor e homenaxes a artistas como Kandinsky —ao que contrapón a pioneira esquecida da abstracción— ou ao propio Pórtico da Gloria, centrado nos seus músicos que afinan antes do xuízo final.

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición347
Detrás de Baranga un Kandisnky moi especial de puntos e raias

Tamén chama a atención a serie «Que máquina a máquina», inspirada en películas como 2001, unha odisea no espazo ou Blade Runner, unha reflexión sobre a tecnoloxía e a intelixencia artificial.

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición360
Máquina a máquina eran tres obras pero unha xa non está

Xunto a isto, Baranga exhibe esculturas realizadas en papel maché, disciplina que perfeccionou tanto na Escola Oficial de Artes e Oficios de Barcelona como, sobre todo, grazas ao traballo comunitario con asociacións veciñais no barrio de Gracia.

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición358
As esculturas en papel maché do barrio de Gracia de Barcelona

Narración oral e memoria

A exposición complétase cun programa de narración oral, no que o artista combina o relato en voz alta con debuxo e participación do público. Entre as obras destacan tamén varias pezas en papel maché que evocan figuras familiares e retratos populares: os gaiteiros encárnanos dous membros do Grupo Follas Novas de Córgomo, o seu pai —o Calalas—  e o Raúl, tamén está a figura xigante de Florencio Delgado Gurriarán.

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición361
O Calalas e o Raúl inmortalizados no papel maché

Unha serie de variacións sobre Castelao, debuxos con frases do pai do ensaísta e dramaturgo elaboradas para un proxecto en Barcelona e agora presentadas no Barco.

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición362
As variacións sobre Castelao sobre o chan

«O papel maché é marabilloso. Nunha hora ou dúas xa se aprende a traballar con el, aínda que despois fagan falta quilos e quilos de paciencia», sinalou o creador, quen animou ao público a participar nos obradoiros.

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición351

Arte en proceso

Fiel ao título da mostra, «En construción», moitas das obras expostas non están pensadas como acabadas, senón como parte dun proceso vivo, aberto á interacción co público. Unha proposta que mestura pintura, escultura, memoria e narración, e que transforma a sala expositiva nun taller compartido de creación artística.

somoscomarca_obarco_anxobaranga_exposición343

 

«En construción», a arte de Anxo Barranga que nunca remata