martes. 24.06.2025

O Concello Vello do Barco tinguirase de vermello pola hemocromatosis

Esta é a Semana Mundial da enfermidade e o municipio barquense solidarízase iluminando o edificio na tarde de hoxe venres 7 de xuño
somoscomarca_240426_obarco_casadoconcello174
O Concello Vello do Barco iluminarase de vermello pola hemocromatosis.

A Asociación Española de Hemocromatosis (AEH), busca o apoio de institucións e organizacións de todo o mundo durante a Semana Mundial da Hemocromatosis, que se celebra do 1 ao 7 de xuño deste ano. O obxectivo é crear conciencia sobre a hemocromatosis hereditaria, un trastorno xenético moi común caracterizado por acumulo de ferro, que afecta a persoas de todos os países.

O Concello do Barco solidarízase coa AEH no seu labor de chamar a atención da cidadanía sobre esta patoloxía, uníndose así a outros pobos e cidades do mundo. Así, iluminarase de cor vermella a Casa do Concello (Concello Vello) na tarde-noite de hoxe, 7 de xuño.

Estímase que arredor de 45.000 españois teñen predisposición xenética á sobrecarga férrica, pero lamentablemente moi poucos saben que a súa saúde pode estar en risco debido a esta afección. A hemocromatosis pode levar a que se absorba e almacene demasiado ferro da dieta no corpo. Se non se detecta precozmente, este acumulo de ferro provocará danos en diferentes órganos, algúns tan vitais como o fígado e o corazón.

A hemocromatosis está infra diagnosticada, en parte porque a conciencia pública sobre a afección é baixa, pero tamén porque os seus síntomas, que inclúen fatiga, depresión e dor nas articulacións confúndense con outras enfermidades.

O Concello Vello do Barco tinguirase de vermello pola hemocromatosis