viernes. 30.05.2025

O Concello do Bolo aposta por melloras en infraestruturas e enerxía limpa no 2025

O alcalde do Concello do Bolo, Alberto Vázquez, detallou os proxectos que se levarán a cabo neste ano, destacando a mellora de infraestruturas viarias ou o acondicionamento de vivendas
P_somoscomarca_240224_obolo_alcaldeobolo_albertovazquez(26)
Alberto Vázquez, alcalde do Concello do Bolo

O alcalde do Concello do Bolo, Alberto Vázquez, presentou os principais proxectos que marcarán o desenvolvemento do municipio durante o ano 2025. A mellora das infraestruturas, a aposta por enerxías renovables e a promoción da cultura son algúns dos eixes centrais das actuacións previstas.

Un dos proxectos destacados será a mellora das estradas nas diferentes parroquias do municipio. Segundo explicou Vázquez: «A idea é seguir arranxando estradas de varios pobos. Vamos seguir arranxando uns quilómetros en Xorxais, tamén en Chao do Castro, Tuxe e arranxar algún outro como Celeirós e Buxán en algunha rúa». 

No eido ambiental, o Concello do Bolo executará un proxecto de eficiencia enerxética. «Temos aprobada a mellora. Con esta obra poremos placas solares para ter enerxías limpas e baixar os custos de luz, tamén que haxa menos perdas de calor na calefacción», explicou o alcalde. A obra, que se prevé adxudicar en xaneiro.

Outra das actuacións máis esperadas durante o ano será o arranxo da Ponte de Barxa. «O arranxo, que xa saliu a licitación, será outro dos proxectos importantes deste ano. Esperemos que se todo axuda que a finais do 2025 a ponte estea feita», destacou Vázquez.

O Plan de Vivenda tamén ocupará un papel importante neste 2025, cun proxecto centrado na rehabilitación de vivendas. «A idea é arranxar dous pisos enfronte da casa do concello», explicou o alcalde, ao sinalar a prioridade de ofrecer aloxamento adecuado aos veciños e mellorar o patrimonio municipal.

En materia cultural, Vázquez anunciou a continuidade das actividades en torno aos 400 anos do Santuario das Ermidas, por exemplo coa recuperación da chegada dos Reis Magos o pasado 6 de xaneiro. Ademais, continuará coa celebración das festas xa consolidadas, como a Festa Irmandiña e a Festa da Vitela, e a oferta turística, mantendo aberto o Castelo, o Museo e o Santuario todos os fins de semana, festivos e venres.

Outra das iniciativas que se manterá é a recuperación de tradicións, como a celebración da "Estoupa de Xudas". «Desde que chegamos este grupo de goberno o principal obxectivo é recuperar algunhas cousas que xa non se facían», subliñou o alcalde. Por último, o Concello do Bolo está á espera da concesión de subvencións para diversos proxectos relacionados co reto demográfico e o fomento do turismo.

O Concello do Bolo aposta por melloras en infraestruturas e enerxía limpa no 2025