As calantornias e os cabezudos son elementos imprescindibles nas Festas do Cristo, presentes por tradición nos actos máis importantes do programa. Moitos veciños, tanto adultos como nenos, teñen mostrado o seu desexo de ter a honra de portar as calantornias e os cabezudos.
Por este motivo, e para dar a oportunidade a toda a veciñanza, o Concello do Barco abre un prazo para que as persoas que o desexen se anoten para levar estas figuras durante dous actos nestas festas.
No primeiro dos actos estarán unicamente as calantornias; será o mércores día 13 de setembro, no acto do pregón que se celebra na Praza Maior, entre as 19,30 e as 22,00 horas.
Neste caso contase con prazas para dúas persoas adultas. No segundo, o xoves día 14, dúas calantornias e tres cabezudos participarán na procesión, e estarán logo presentes na misa do día do Cristo. Seleccionarase a dúas persoas adultas e tres nenos, estes últimos de como mínimo 10 anos e unha altura máxima de 150 centímetros aproximadamente.
Os interesados en participar nesta iniciativa poden anotarse tanto no correo electrónico [email protected], como de xeito presencial, no terceiro andar do Edificio Multiusos. Deberán aportar os seus datos: nome, apelidos e teléfono de contacto e, no caso dos nenos, idade e autorización paterna para poder levar os cabezudos. No caso de que haxa máis interesados que prazas, farase un sorteo entre todos os que queiran participar.