
O colexio Condesa de Fenosa presenta dúas curtas de animación
A proxección será no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras ás 19:00h

Este xoves, 6 de xuño, o colexio Condesa de Fenosa estreará ás dúas curtas de animación dentro do Plan Proxecta: "Nós tamén creamos". Proxecto que se realizou nos Polos Creativos do centro educativo co alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria.
A proxección será no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras ás 19:00h. Para poder asistir será necesario recoller as entradas a partir das 18:30 na taquilla. Cabe destacar que non ten custo algún, serán repartidas ata completar a capacidade (250 persoas).
Dende o colexio propoñen iniciativas para mellorara a calidade da educación que se presta ao alumnado, entón, este ano un grupo de docentes propuxéronse como obxectivo desenvolver un traballo de gravación dun produto audiovisual no que o alumnado puidese ceibar os seus impulsos creativos e aprender os requisitos técnicos que unha obra deste tipo require.
Por esta razón, participan no concurso "Nós tamén creamos", convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüistica e a Dirección Xeneral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Nesta actividade deberán crear unha ou varias curtametraxes de animación empregando a técnica do stopmotion, adaptando libremente un ou varios contos dunha escolma proposta pola organización do certame.
Para poder participar, o profesorado tivo que formarse a través do curso de Platega e, tamén, se creou un grupo de traballo para comezar a dar os primeiros pasos.
Todo isto fano dende a aula de "Polo Creativo Plus", un espazo educativo e innovador, enfocado ás aprendizaxes co obxectivo de integrar os retos tecnolóxicos en todos os campos de saber.