
O cinema, unha razón máis para achegarse á obra de Florencio

O proxecto As Letras de Florencio, impulsado polo concello de O Barco e mediante o cal Valdeorras quere pedir á Real Academia Galega un recoñecemento para o autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, presentou onte o concurso O cinema de Florencio. A iniciativa, segundo explicou a directora do proxecto Débora Álvarez, «partiu da recomendación do propio presidente da Academia, Víctor Fernández Freixanes, de apostar por traballar a parte da vida de Florencio que transcurriu en México, algo que ata o momento estábase deixando de lado».
Explica Álvarez que «Florencio conviviu con Carlos Velo, un dos primeiros directores do cinema galego, e con él botaron a andar moitas das iniciativas culturais en México». Para conmemorar e rememorar esta etapa un pouco máis descoñecida do escritor, o concello do Barco lanzou dúas actividades: un concurso dirixido aos institutos nos que se pode participar en dúas modalidades, ou a través de videopoemas, ou a través de microvídeos.
Este concurso, según conta, «compleméntase coas conferencias do director e productor petinés Domingo Díaz e o director Manuel Gómez, que lles darán pistas aos rapaces para facer os seus traballos e presentalos ao concurso». Explica Débora Álvarez que «entre todos os videopoemas e microvídeos presentados o director e o productor escollerán un que formará parte de un futuro videohomenaxe a Florencio Delgado Gurriarán».
A idea, segundo apuntan dende a dirección do proxecto de Florencio, é «seguir a traballar ao longo deste ano para pedir, de cara ao ano que ven, o día das Letras Galegas para Florencio». Desta forma, apunta, «a candidatura presentarase cun apoio detrás», cunha maleta chea de grandes actividades feitas na súa memoria.