O CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán leva a festa galega ata Caracas con Cé Orquestra Pantasma
A actividade enmárcase dentro do programa 21 Días co Galego e +, unha iniciativa que busca fomentar o uso cotián do galego entre os máis pequenos a través de experiencias enriquecedoras e motivadoras
O CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán leva a festa galega ata Caracas con Cé Orquestra Pantasma
O CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán de O Barco viviu este luns unha xornada inesquecible dentro do programa 21 Días co Galego e +. O centro acolleu un concerto de Cé Orquestra Pantasma, que encheu as aulas de música e diversión. Pero a festa non quedou só entre os muros do colexio: grazas a unha retransmisión en directo, os nenos e nenas do Colexio “Castelao” de Caracas (Venezuela) tamén puideron gozar do espectáculo dende a distancia.
A actuación de Cé Orquestra Pantasma, coñecida pola súa capacidade de conectar co público infantil a través da música tradicional galega, conseguiu contaxiar a súa enerxía tanto aos rapaces de O Barco como aos de Caracas.
Ademais do concerto, a xornada incluíu un intercambio moi especial. Un grupo de alumnos de 6º curso mantivo unha videoconferencia cos estudantes do Colexio “Castelao”, na que conversaron en galego durante un tempo, reforzando así o vínculo lingüístico e cultural entre ambas comunidades. «Foi un éxito. Para os nenos foi unha sorpresa ver que en Venezuela tamén hai rapaces que falan galego e que comparten con eles a mesma lingua», explicou Nacho Hermida, xefe de estudos do colexio.
«O obxectivo destas xornadas é que o alumnado se acostume a empregar o galego en calquera contexto, dende as clases ata situacións máis informais e festivas como esta. Queremos que vexan que é unha lingua viva e útil en todos os ámbitos», sinalou Hermida.
A actividade enmárcase dentro do programa 21 Días co Galego e +, unha iniciativa que busca fomentar o uso cotián do galego entre os máis pequenos a través de experiencias enriquecedoras e motivadoras. A conexión con Caracas pon de manifesto que o galego segue sendo un nexo de unión entre culturas e xeracións, mesmo a miles de quilómetros de distancia.