Castro e Vilariño agradecen o traballo de dous profesionais dos montes durante os incendios

Castro e Vilariño agradecen o traballo de dous profesionais dos montes durante os incendios
Recoñecemento á entrega e profesionalidade de Diego Prada Paradelo e Elvis Fernández Feliz tras os incendios forestais

Os pobos de Castro e Vilariño, no concello do Barco de Valdeorras, quixeron render unha merecida homenaxe a dous traballadores forestais que destacaron pola súa extraordinaria labor durante os últimos incendios: Diego Prada Paradelo, xefe de brigada, e Elvis Fernández Feliz, operario de bulldozer.

O recoñecemento nace do respecto e da gratitude veciñal polo seu saber facer, pola súa profesionalidade e pola capacidade de organizar, coordinar e dirixir equipos humanos en situacións de máxima presión e risco. Un labor complexo no que ambos demostraron, en todo momento, estar atentos, perfectamente coordinados e profundamente comprometidos co traballo, garantindo a seguridade e a eficacia das intervencións.

Durante os operativos, tanto Diego Prada como Elvis Fernández destacaron pola súa entrega incansable, acumulando innumerables horas de traballo sen descanso, afrontando condicións extremas e tomando decisións clave no momento preciso. Un esforzo que non se limita a episodios puntuais, senón que forma parte do seu traballo cotián no Distrito Forestal XIII, onde a súa traxectoria deixa unha fonda pegada.

Este xesto simbólico por parte dos dous pobos quere ser un agradecemento sincero e colectivo a quen, desde a discreción, a humildade e a vocación de servizo, traballa cada día para protexer as aldeas, os montes e o futuro de todos. Unha homenaxe sentida a quen, cando máis se necesita, sempre está.