

A 23ª edición de Xantar arranca este mércores, 9 de novembro, con 165 expositores de 5 países, 8 restaurantes e máis de 120 actividades. O Concello do Barco non faltará á cita gastronómica e estará presente no expositor do Xeodestino Trevinca Manzaneda.
Ofrecerase información divulgativa dos recursos turísticos do concello —follletos de rutas, do proxecto Pasea O Barco, mapas, merchandising do botelo,etc— e das empresas relacionadas co turismo do Concello do Barco e de Valdeorras.

O día da inauguración, o mércores, O Concello organiza unha degustación de empanadas de Valdeorras acompañadas polos viños de Bodega Roandi. O xoves e o venres estarán presentes no expositor produtores de mel, viño e aceite coordinados polo Concello.

O sábado das ás 13.30 e ás 19:00 horas catas express de empanadas con viños da D.O. Valdeorras dirixidas pola sumiller Mercedes González. O domingo, derradeiro día de Xantar degustación de botelo, pigureiro e androllas, con produtores cárnicos do Barco, en harmonía con viño da Adega Cooperativa Viños Barco.
Se queres escoitar a conversa que mantivemos con Eladio Santos en Radio Valdeorras Onda Cero, fai click na seguinte ligazón:
Presentación de Xantar
O vicepresidente primeiro da Deputación e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou esta mañá en Expourense na presentación da 23º edición de Xantar, a única feira internacional de turismo gastronómico de España, que se celebrará desde o mércores 9 ata o domingo 13 de novembro centrada na promoción da gastronomía dos distintos Camiños de Santiago.
Rosendo Fernández estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; e o director de Xantar, Rogelio Martínez; para presentar unha cita -a primeira edición de Xantar co AVE- que volverá converter a Expourense no epicentro do turismo enogastronómico peninsular, reunindo a 165 expositores e con 5 países representados (España, Portugal, Estados Unidos, Perú e Costa Rica). Contará ademais con 8 restaurantes, 3 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia.
Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Deputación e titular do Inorde resaltou a importancia do "escaparate que nos brinda Xantar para volver promocionar a calidade agroalimentaria da provincia coa nosa marca 'Ourense Enogastronómica'.
Nesta edición, sinalou Rosendo Fernández, ao ser o "Xantar do Camiño e a Alta Velocidade consideramos que era a ocasión perfecta para propoñer no restaurante do Inorde un menú tematizado ao Camiño de Santiago neste ano Xacobeo". Un menú elaborado polo chef Carlos Parra e que, explica o vicepresidente, "baixo o título "Camiños EnOUgastronómicos" conta con produtos típicos desta tempada de outono, como pode ser o xamón selecta de Coren, os boletus, a crema de cocido, cabrito asado... con viños brancos e tintos adscritos ás Denominacións de Orixe dos Camiños pola provincia de Ourense".
O vicepresidente primeiro tamén sinalou na súa intervención que o proxecto europeo "Camiños Xacobeos do Oeste Peninuslar" -iniciativa transfronteiriza do que é socia a Deputación de Ourense- será un apoio para impulsar os produtos locais polos que atravesa o camiño que forman parte do menú, ademais dos produtos propios desta tempada.
Turismo de proximidade
A presenza na feira de tres deputacións de Galicia (Ourense, Lugo e A Coruña); a de varios xeodestinos e GDR (Ribeiro-Carballiño, Trevinca-Valdeorras, Terra de Celanova – Serra do Xurés e Condado Paradanta) e os restaurantes galegos, conlevan a que practicamente toda Galicia estea representada. Hai que sumar a destacada participación das deputacións de Zamora e de Badaxoz, provincias polas que transcorre a Vía da Prata. Tamén participarán profesionais e representantes institucionais de países como Perú ou Costa Rica.
Na presenza internacional destaca un ano máis a presenza de Portugal que estivo presente en Xantar desde a súa primeira edición. A Entidade de Turismo Porto e Norte é o principal socio estratéxico deste salón no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan varias showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade. Hai que destacar un ano máis a masiva presenza de expositores procedentes do Norte, pero incluíndo tamén a outros destinos do centro como Setúbal ou Azores. En total, participan de forma directa e independente no salón unha vintena de cámaras municipais portuguesas que se suman ás que participan baixo o paraugas de Turismo Porto e Norte.
Restaurantes participantes en Xantar
Desde a organización explican que Xantar 2022 poñerá en marcha "as accións de sempre", este ano xa sen as restricións nin medidas sanitarias que tiveron que adoptarse na edición de 2021. Mantívose, detallan, a redución no número de restaurantes e contarase con 8 procedentes de distintos puntos de Galicia -ademais do mencionado "Camiños EnOUgastronómicos" ofrecido polo INORDE, os dos Concello do Irixo, o de Arnoia e o de Porto dá Garda-, de Zamora, o do Caminho Minhoto-Ribeiro e, como novidade, un de Massachusetts, nos Estados Unidos.
Outra das novidades en restauración este ano, especialmente pensada para as visitas de fóra de Galicia, é a recreación dunha taberna que ofrece empanada, polbo á feira e carne ó caldeiro e "café de pota". Estes restaurantes ofrecerán un total de 13 menús con prezos comprendidos entre os 29 e os 39 euros, aínda que hai prezos especiais para grupos que acudan a comer ou cear nas xornadas de mércores e xoves.
Programa de actividades da 23ª edición
A organización de Xantar sinala que, "como é habitual, o programa de accións que ofrecerá o salón estará orientado a proxectar internacionalmente, desde a perspectiva da calidade e da sustentabilidade, o turismo enogastronómico de Galicia, do resto da Península Ibérica e de Iberoamérica".
No que respecta a as actividades, Xantar reunirá a recoñecidos chefs de catro países (España, Portugal, Costa Rica e Perú) que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no XVII Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 120 experiencias entre showcookings, catas comentadas, presentacións e degustacións. En total, impartiranse 60 talleres de cociña en directo, unha vintena de catas comentadas (viños, meles, conservas de peixe e marisco, queixos, augardentes e licores) e outra vintena de degustacións de produtos autóctonos que na maioría dos casos son protagonistas de festas gastronómicas.
O programa de showcookings complétase con actividades paralelas como o IX Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos no que participan máis de 30 blogueiros de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha e Portugal ou o XVIII Encontro Internacional de Confrarías que reunirá a 30 entidades.
Ademais, "co obxectivo de promocionar un destino a través da súa gastronomía e os bos resultados obtidos na edición anterior", explican desde Xantar, organízase o "V Workshop de Turismo Gastronómico" no que participarán cinco operadores de turismo de España que asistirán a presentacións e a reunións B2B con representantes dos distintos destinos gastronómicos presentes no salón.
O horario de feira será de 11.30 h da mañá a 01.00 horas da mañá de mércores a sábado e o domingo de 11.30 a 18.00 h. O prezo da entrada é de 5 euros que será descontada do prezo do menú elixido polo visitante