
O Barco conmemora o Día da Muller con cine, teatro e música
O acto central terá lugar o venres 7 de marzo, cunha concentración na Praza do Concello ás 12:00 horas

O Concello do Barco organiza unha ampla programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, que incluirá cine, teatro, música e unha concentración reivindicativa na Praza do Concello. As actividades desenvolveranse do 1 ao 26 de marzo e contarán coa colaboración de diversas entidades locais.
A programación arrancará cun ciclo de cine titulado «Mulleres no Cine», en colaboración co Cineclube Groucho Marx. O cine comercial proxectará María Callas de Pablo Larraín o día 9 de marzo. Pola súa banda, o Cineclube programará catro películas en horario habitual, salvo as sesións dirixidas a institutos, que terán lugar pola mañá. O xoves 6 de marzo proxectarase Sempre nos quedará mañá, de Paola Cortellesi; o mércores 12, Caladiña, de Miguel Faus; o mércores 19, Reas, de Lola Arial; e o mércores 26, Cristina García Rodero, documental de Carlota Nelson.
O acto central terá lugar o venres 7 de marzo, cunha concentración na Praza do Concello ás 12:00 horas. Durante o evento, alumnado dos institutos Martaguisela, Lauro Olmo e Divina Pastora darán lectura a manifestos en defensa da igualdade, acompañados por unha actuación musical do Conservatorio de Música do Barco. Ademais, o Concello realizará unha declaración institucional para reafirmar o seu compromiso coa loita polos dereitos das mulleres.
Ese mesmo día, ás 21:00 horas, o Teatro Lauro Olmo acollerá a obra Cita con tu sexóloga, un monólogo da actriz Silvia Pérez que abordará cuestións de sexualidade e xénero desde un punto de vista humorístico e reflexivo. Como broche final, o Concello Vello iluminarase en homenaxe ao Día da Muller, visibilizando así a importancia da data.
A programación está organizada pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello do Barco, co obxectivo de fomentar a reflexión, a sensibilización e a participación cidadá na loita pola igualdade de xénero.