sábado. 05.07.2025

O Barco acolle o 37º Encontro de Poetas, que rende homenaxe a catro voces a título póstumo

A cita organizada polo Instituto de Estudios Valdeorreses congrega esta fin de semana a máis de 30 poetas galegos, nacionais e internacionais, en dous días de poesía, música e memoria.
somoscomarca_obarco_encontrodepoetas_ (2)

O Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) celebra esta fin de semana a 37ª edición do Encontro de Poetas, un evento xa consolidado no calendario cultural da comarca. A primeira xornada tivo lugar este venres no salón de actos da Casa Grande de Viloira, co apoio do Concello do Barco de Valdeorras.

Nesta edición, o Encontro rende homenaxe a catro figuras destacadas da poesía valdeorresa e galega xa falecidas: Eulogio Gavela, Xosé Porto “Yosso”, Matilde Veiga e Manuela López. Na sesión do venres, unha decena de poetas deron lectura aos seus versos, nun acto que contou tamén coa actuación do cantautor berciano José Luengo.

somoscomarca_obarco_encontrodepoetas_ (1)
José Luengo preparado para a súa actuación

O evento comezou coa intervención de Julio Pérez, membro do IEV, en substitución do presidente Aurelio Blanco Trincado, ausente por motivos persoais. Na súa intervención, destacou o compromiso do Instituto coa promoción da cultura e da lingua galega, un dos seus obxectivos fundacionais.

A concelleira de Cultura e Educación do Barco, Margarida Pizcueta, deu tamén a benvida aos asistentes, poñendo en valor o papel da poesía como expresión artística viva e duradeira: «A poesía é unha disciplina difícil de vender, pero leva máis de 4.000 anos acompañando á humanidade, e iso algo quere dicir», afirmou.

somoscomarca_obarco_ticketora2118
Maria del Carmen Gago, Julio Pérez e Margarida Pizcueta

A alma mater do Encontro, María del Carmen Gago Florenti, foi a encargada de lembrar a traxectoria dos poetas homenaxeados, especialmente a de Xosé Porto “Yosso”, a quen definiu como “un creador polifacético e humilde, alleo ao boato, cunha voz poética profunda e sincera”.

somoscomarca_obarco_encontrodepoetas_
A irmá de Yosso Ramona Porto, recollendo a homenaxe de mans de Maria del Carmen Gago

Entre os poetas participantes na sesión inaugural figuraron María Enma Fernández Pérez (A Rúa), Gabriela Cuba (Perú), Carlos Lloréns (Vigo), José Rodríguez Rodríguez (Ourense), María Jesús García Burgueño (Pontevedra), Asunción Arias “Sulma”, Isabel Primo Morais (Oporto), Marisa Lozano (Pontevedra), Miguel Ángel Armas (Llanes) e María Luisa Valcarce (O Castro).

somoscomarca_obarco_encontrodepoetas_ (3)
Na sala moitas das persoas que logo recitarían

A actividade continúa este sábado cunha nova xornada na que participarán 22 poetas chegados de diferentes puntos de Galicia, España e mesmo do estranxeiro. A música estará a cargo da Rondalla Sones del Cúa, de Cacabelos.

O acto pecharase cunha nova intervención de María del Carmen Gago, que recitará algúns dos seus poemas máis persoais. Como broche final, tras a entrega de diplomas, terá lugar unha cea de confraternización ofrecida polo Concello do Barco, que servirá como espazo de encontro e celebración da palabra e da amizade poética.

somoscomarca_obarco_encontrodepoetas_
Nin ca intensa calor se borra o sorriso da dulce poeta, Maria del carmen Gago Florenti

O Barco acolle o 37º Encontro de Poetas, que rende homenaxe a catro voces a título...