
O Encontro de Poetas regresa esta fin de semana á Casa Grande de Viloira

O Instituto de Estudios Valdeorreses celebra esta fin de semana a 37ª edición do Encontro de Poetas, unha cita xa consolidada no calendario cultural de Valdeorras. A primeira xornada terá lugar o venres 4 de xullo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa Grande de Viloira, coa colaboración do Concello do Barco.
Este ano, o encontro rende homenaxe a catro voces desaparecidas que deixaron fonda pegada na poesía da comarca e de Galicia: Eulogio Gavela, Xosé Porto “Yosso”, Matilde Vega e Manuela López.
Na primeira sesión, dez poetas darán lectura aos seus versos, mentres que o sábado serán 22 os participantes, chegados de diferentes puntos da xeografía nacional e mesmo de outros países. A cita contará tamén con momentos musicais: o venres actuará o cantautor José Luengo, de Bembibre, e o sábado será a quenda da rondalla Sones del Cúa, de Cacabelos.
O broche de ouro chegará tras a lectura do sábado, coa entrega de diplomas e unha cea de confraternización, ofrecida polo Concello do Barco, que servirá como espazo de encontro e celebración entre os poetas participantes.
Un ano máis, o Encontro de Poetas converterá O Barco nun lugar de palabra viva, lembranza e irmandade cultural.