A historia do tiro ó prato, a gran afección dos valdeorreses
O tiro ó prato foi unha actividade que os valdeorreses desfrutaban moito, «houbo xente que despuntou ata nivel nacional», asegura Aníbal Fernández. Por este motivo, e tamén porque «me gusta», decidiu retomar esta tradición fai 17 anos. Aínda que esta é a XVI edición —por mor do COVID perdeuse unha—.
«Estaba morta, non se facía ningunha competición. Talvez era porque cada vez exixían máis seguridade, é normal, estamos xogando con armas dentro de que é unha cousa máis segura», di Fernández.
Antigamente, cando se facía unha "tirada", «avisabas e non pasaba nada, non había zona de seguridade nin nada». Ó que engade: «Levaríase 15 anos, ou máis, sen facerse», recorda.
Esta é unha actividade que se adoita facer con motivo das festividades, por esta razón se realiza en Santa Rita. Aínda que, en lugares como Penouta, A Veiga ou San Xoán de Río «tamén o facemos cando non hai celebracións», resalta Aníbal.
O tiro ó prato en Santa Rita
Como cada ano, o sábado 18 de maio de 16:00 a 22:00, serán os adestramentos no Polígono da Raña. «Isto é para ver como está o robot e practicar os ángulos que ten». O custo destas é de 10 euros.
Haberá 5 premios diferentes:
- O primeiro premio será un xamón.
- No caso do segundo posto será unha paletilla.
- Os que se fagan co terceiro e carto lugar recibirán chourizo.
- No caso do quinto premio será queixo.
No caso do domingo 19 de maio as tiradas comezarán ás 16:00 ata peche—de 11:00 a 13:30 adestramentos—. Nesta modalidade o custo será de 40 euros. A maiores, farase a categoría de "reenganches" que ten un prezo de 15 euros. Cada unha delas ten uns premios diferentes.
No caso da tirada, «daremos o valor en cartuchos (V.C)», explica Aníbal. Por exemplo, o primeiro posto terá 200 euros en V.C, o segundo será de 150 euros e así progresivamente ata o sexto lugar. Dende a posición sete ata a 30 serán premios a elixir por orden de clasificación.
Na modalidade de "reenganche", o primeiro posto terá 100 euros en V.C, o segundo terá 70 euros e o terceiro 50 euros. Dede o cuarto posto ata o vixésimo terán premios a escoller por orde de clasificación.
Se desexa escoitar a entrevista completa pódeo facer aquí: