Os alumnos que fixeron o pórtico destrozado concéntranse contra o vandalismo

Os elementos decorativos que foron colocados no Paseo do Malecón polo Día das Letras Galegas foron estragados. Hoxe o alumnado e profesorado uniuse en repulsa destes actos

Nesta mañá de xoves 23 de maio o alumnado e profesorado dos centros educativos que elaboraron o pórtico e os elementos decorativos en homenaxe a Luísa Villalta concentráronse no Paseo do Malecón. O motivo foi que na noite do martes día 21 —véspera do festivo local por Santa Rita— o pórtico foi destrozado

«Neste acto só hai unha mostra de violencia gratuíta contra iniciativas culturais dos centros educativos, e desprezo polo traballo da nosa xuventude, cultura e lingua», rezaba o manifesto lido polos alumnos. «Non é raro que nas noites da fin de semana haxa actos de vandalismo, pero si o é a indiferencia de pasar por diante e pasar coma se fose algo normal». 

Gardando un minuto de silencio polas súas elaboracións e pola falta de respecto, os escolares animaban «a recompoñer o pórtico e que toda a poboación demostre dunha vez por todas que non queremos uns bárbaros na nosa vila».