Adela, cociñeira xubilada: "Estou moi contenta, é un recoñecemento a moitos anos de traballo"
Adela Pombo, cociñeira xubilada do CEIP Condesa de Fenosa, quen daba de comer a máis de 300 alumnos, recibirá unha cariñosa homenaxe este sábado, día 21, no marco da Festa do Botelo no Barco de Valdeorras.
Vencellada o mundo da cociña - foi cociñeira no centro educativo durante 36 anos - esta muller puxo en valor este recoñecemento que quere premiar a esas persoas que traballan moitas veces na sombra.
"Estou moi contenta e nerviosa porque me recoñezan o traballo de moitos anos, nunca me vira nisto", confiesa Adela, quen ten só boas palabras para o centro educativo. "Tratáronme de marabilla, aínda que traballamos moito". Cando comezou no colexio, traballaba man a man con Emilia ou "Marinita". As dúas encargábanse de facer a comida para uns 380 alumnos e mestres, que chegaban non só do Barco senón das aldeas do redor.
"Despois xa entramos a traballar pola Xunta e xa quedamos fixas", relata Pombo, quen pese a levar 14 anos xubilada aínda bota de menos os rapaces. Lembra que no traballo tiñan que mercar caixas enteiras de comida, dende lentellas, ata garbanzos, iogures, ademáis de facer outras comidas como macarróns ou tortilla. "Facíamos moita comida de pote: lentellas, fabas, lentellas puré, ás veces facíamos menestra, pero non a querían e cambiamos por puré.
A súa xornada empezaba ás 9 da mañán para organizar o menú aínda que habitualmente tiñan case todo o traballo "feito de víspera".
"Boto de menos os nenos, se me deixaran seguía traballando", di Adela, quen lembra con cariño os rapaces que pasaron por alí. "Aínda que algún tiñas que reñirlle, queríanme moito, e eu tamén os quería moito, foi media vida no colexio", abunda.
Adela fala da evolución nestes 36 anos no centro: "Agora todo é moi distinto, antes eramos coma unha familia, cambiaron os costumes, por exemplo eu sempre trataba os mestres de usted, e cando chegabamos decíamos bos días, agora non é tan común", aclara. Tamén destaca a preocupante suba de precios: "agora comprar é cousa de ricos".
Respecto ó Botelo, pon en valor este produto, moi coñecido na zona de Valdeorras. "Como mínimo o poño a cocer tres horas. Hai quen lle bota garbanzos, a min gústame facelo con grelos e senón hai con repolo e patacas, é unha costume", concluye.