Curso clave en Manzaneda para o manexo de material de emerxencia
Manzaneda acolleu esta fin de semana un curso de formación descentralizada organizado pola AGASP —Academia Galega de Seguridade Pública— e dirixido ás agrupacións de Protección Civil da contorna e doutros puntos de Galicia. Entre os asistentes atopábanse membros das agrupacións de Manzaneda, Trives, O Bolo, Petín, O Barco, A Rúa, Parada de Sil e mesmo de Santiago.
O curso foi impartido polos Bombeiros de Celanova e tivo lugar no patio do colexio de Manzaneda. A formación combinou unha parte teórica cunha parte práctica, centrada no manexo de material de emerxencia.
Falamos con Clemente Pérez, coordinador da agrupación local de Protección Civil e presidente da asociación provincial, quen explicou que este curso forma parte da programación descentralizada da AGASP.
«Foi un curso de formación descentralizada da AGASP, para xente de toda Galicia. De feito, había participantes de Santiago. Estes cursos descentralizados son os que se fan fóra da sede da Academia e realízanse en distintas localidades cando son solicitados polas agrupacións», explicou.
Segundo Pérez, cursos semellantes desenvolveranse noutras localidades como Trives, Petín ou A Veiga, cada un centrado nunha materia distinta. «Solicitamos este curso, e unha vez concedido, encargámonos de poñer todo a punto para os formadores».
O contido do curso estivo centrado no uso de ferramentas e material de emerxencia: «Desde unha motoserra, un xerador, unha bomba de achique, unha carpa, material eléctrico ou de sinalización de tráfico… todo o necesario para situacións de emerxencia», indicou Pérez.
A formación estruturouse cunha primeira parte teórica de aproximadamente unha hora e media, seguida dunha práctica na que os participantes puideron manexar o material. Pérez valorou positivamente a actividade: «A opinión xeral foi moi boa. Moitas veces temos o material pero, por falta de práctica, non se sabe empregar. Trátase de que todas as persoas da agrupación saiban utilizar os recursos dos que dispoñemos».
Que é a AGASP?
A AGASP, ou Academia Galega de Seguridade Pública, é o organismo dependente da Xunta de Galicia encargado da formación do persoal dos corpos de seguridade, emerxencias e protección civil. A súa misión é ofrecer cursos, xornadas e actividades de capacitación tanto na súa sede en A Estrada como en distintas localidades do territorio galego, achegando así a formación ás agrupacións locais. Con estes cursos descentralizados, contribúe a mellorar a preparación do voluntariado en situacións de risco ou emerxencia.