Arte, memoria e identidade danse cita esta tarde na aldea de Borruga

Arte, memoria e identidade danse cita esta tarde na aldea de Borruga
Galicia Latente propón en Manzaneda un roteiro expositivo, a proxección de «Os Códigos» e un faladoiro que relacionará identidade cultural, saúde comunitaria e benestar emocional

As rúas de Borruga, o seu antigo forno e, sobre todo, a memoria vinculada á propia aldea forman parte esta tarde dunha proposta cultural pouco convencional. Galicia Latente chega a este núcleo do concello de Manzaneda cunha xornada que combina arte, audiovisual e conversa para explorar a relación entre territorio, identidade e benestar.

A programación comezará ás 18.00 horas cun roteiro guiado pola exposición «Galicia Latente», cuxas obras se integran nas propias rúas de Borruga, incorporando así a aldea á experiencia artística. A presentación correrá a cargo da xornalista Eva Perales Hervella, afincada en Barcelona e con orixes en Borruga.

Ás 19.00 horas, a actividade trasladarase ao antigo forno, onde se proxectará «Os Códigos», unha peza audiovisual de cinco minutos construída a partir de imaxes de arquivo e centrada na memoria compartida, nos afectos enraizados no rural e nas claves que contribúen a explicar quen somos.

A xornada pecharase ás 20.00 horas co faladoiro «A Galicia Latente de Borruga», moderado por Teresa Blanco. A conversa abordará a saúde comunitaria e o benestar emocional vinculados á identidade cultural, tomando como referencia experiencias de países como Suecia, Xapón ou Canadá, onde, segundo explica a organización, cultura e territorio son considerados elementos relevantes dentro dunha concepción integral da saúde.

A actividade está organizada polo proxecto cultural Galicia Latente e pola activista cultural e dinamizadora territorial Teresa Blanco, coa intención de introducir tamén desde o rural galego unha reflexión que conecta patrimonio, pertenza e benestar das persoas.

O aforo é moi limitado, polo que a organización recomenda confirmar previamente a asistencia.