Amable Fernández: «Tocamos temas que interesan ao concello como é a cobertura da banda ancha»
O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, recibiu a visita do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, durante unha visita institucional ao concello. A xuntanza, que se tiña previsto realizar hai quince días, permitiu abordar diversos temas de interese para a localidade, así como revisar o estado de proxectos financiados con fondos do Goberno central.
Fernández expresou o seu agradecemento ao subdelegado por achegarse a Manzaneda e comentou que durante a reunión abordaron a situación da cobertura da banda ancha no municipio. «Esperamos que chegue a todos os pobos do concello», afirmou. O alcalde destacou que Eladio Santos explicou o mapa da zona e a intención é que estea «no menor tempo posible». Así mesmo, recoñeceu que non se pode conseguir de un día para outro.
Outro dos temas que se trataron foi a inmigración e a necesidade de apoiar ás persoas que queren traballar en Manzaneda ou na súa contorna. «Hai xente que vén a cegas e non sabe como chegar ou que recursos están dispoñibles», afirmou o rexedor, subliñando a importancia de ofrecer información e orientación.
Durante a visita, o subdelegado e o alcalde tamén percorreron a vila medieval, que está catalogada como BIC (Ben de Interese Cultural). Fernández sinalou a importancia de contar cun pleno propio sobre o BIC para facilitar a xestión de diferentes accións que melloren o patrimonio local.
Entre os temas tratados durante a súa xuntanza atopouse a achega de financiación estatal para a implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética en alumeado público, levadas a cabo en diversas poboacións do concello, cunha inversión total de 389.229.78 euros, a cargo do IDAE, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Así mesmo, o subdelegado repasou co alcalde a aplicación en Manzaneda durante o 2023 da segunda edición do programa INECO RuralTIC, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, dirixido a nómades dixitais desprazados ao municipio para teletraballar ao tempo que realizaron talleres, formación e asesoramentos en dixitalización. O alcalde fixo unha valoración deste programa, xa que os participantes aínda manteñen a súa colaboración co Concello para a formación de novos usuarios. A terceira edición deste proxecto, que vén de pechar o prazo de inscrición, porase en marchar nas vindeiras datas.