viernes. 29.03.2024

A Consellería de

Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Larouco para

mellorar a rúa Bienvenido Arias e a da Cooperativa

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Larouco, Joaquín Bautista Prieto, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a humanización das rúas Bienvenido Arias e a da Cooperativa.

O convenio recolle un investimento de 75.000 euros para a execución destas melloras no sistema viario. A Xunta aportará un 70% do custo estimado da obra (52.500 euros) e o 30% restante (22.500 euros) correrá a cargo do propio concello.

O obxecto do convenio é definir as actuacións necesarias para levar a cabo obras de humanización e mellora da infraestrutura das mencionadas rúas e a rehabilitación destes dous espazos, coa finalidade de mellorar os servizos públicos e a calidade da vía que garanta o benestar á poboación rural.

Mellorarase e arranxarse o asfaltado de ambas rúas, colocarase mobiliario urbano e nova sinalización horizontal, como as marcas viarias e os pasos de peóns. No conxunto das dúas rúas intervirase nunha superficie de case 2.000 m2.

A conselleira de Medio Ambiente indicoulle ao alcalde de Larouco que coa sinatura do convenio será posible a licitación das obras antes do verán, para as que se prevé un prazo de execución dun mes, ao que engadiu que, sendo rigoroso cos prazos, esta actuación poderá ser unha realidade este mesmo ano.

Esta actuación enmárcase dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións coma a comprometida hoxe co alcalde de Larouco, que contribúen a crear ou humanizar espazos de uso común e a garantir o acceso dos veciños a infraestruturas públicas e servizos.

Co Plan Hurbe xa son 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.

Larouco arranxará dúas ruas no casco urbano do municipio