A rehabilitación da Cova de Seadur, no concello de Larouco, enmárcase nun proxecto financiado con fondos europeos destinados ao desenvolvemento turístico do territorio, canalizados a través da Xunta de Galicia.
Segundo explican fontes autonómicas, «esta é unha obra financiada con fondos europeos canalizados cara entidades do territorio a través da Comunidade Autónoma, neste caso, de Turismo de Galicia», organismo encargado de formalizar os convenios de colaboración coas entidades e concellos beneficiarios.
Unha vez asinados estes acordos, foi a propia Xunta quen adiantou os fondos necesarios para a execución das actuacións. Posteriormente, encárgase da supervisión e da correcta xustificación dos investimentos realizados. Tal e como indican, «a Xunta adiantou os fondos para que as accións se puidesen levar a cabo e unha vez finalizadas, encárgase de supervisar a execución e xustificación dos fondos procedentes da Unión Europea».
O prazo para xustificar estas actuacións remata en xuño de 2026, nun proceso que se leva a cabo mediante unha comisión de seguimento integrada por representantes da Administración autonómica e das entidades locais implicadas.
A actuación na Cova de Seadur forma parte das máis de 13 intervencións incluídas no Plan de Sostibilidade Turística de Valdeorras, baixo a denominación ‘Ruta do Viño Milenaria’. Este programa beneficia a varios concellos da comarca como O Barco de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras. O investimento total deste plan ascende a 1,5 millóns de euros.
Este plan comarcal intégrase, ademais, no Plan Territorial de Sostibilidade Turística en Enogastronomía de Galicia, dotado con 34 millóns de euros e deseñado pola Xunta. No seu conxunto, inclúe once plans de sostibilidade turística en destino (PSTD), entre os que se atopa o de Valdeorras.

