
A igrexa de Nosa Señora dos Remedios de Larouco será o escenario, este venres 27 de decembro, do tradicional Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Nesta ocasión haberá uha homenaxe á cantora Blandina González, de Cotarós (Trives).
O director da formación, Xosé Lois Foxo, explica: «Este concerto tradicional leva consigo a filosofía de honrar ás persoas que nos transmitiron o coñecemento do pasado. Nesta edición, dedicámoslla a Blandina González Rodríguez, cantora de Cotarós, quen transmitiu ese coñecemento xunto a outras participantes como Jacinta de Lentellais, Isabel de Arcos, Digna de Trives, Fiuca de Trives e Rogelio de Aceveda».

Foxo destaca a beleza do espectáculo que terá lugar na igrexa de Larouco, un espazo que, sen dúbida, engadirá unha maxia especial ás actuacións.
A presenza de Lucía Pérez e o seu irmán Xabier enriquecerá aínda máis este encontro coa música tradicional. «Para min o máis importante é a recuperación dos cánticos antigos, por iso os quero honrar sempre dedicándolle estas actividades», recalca o director da Real Banda.

A alcaldesa de Larouco convida a todas as persoas que se atopen na zona a achegarse ao seu concello e participar neste Concerto de Nadal. Destaca que «escoitar á formación neste espazo é unha marabilla. Se a Real impresiona sempre, na nosa igrexa será aínda máis emocionante».
Un dos momentos máis especiais da noite e que porá o broche final, será a actuación da Coral de Viana, «moi importante xa que mantén os cánticos tradicionais», subliña Foxo. Xuntos interpretarán fragmentos da égloga operística "Pastora da Serra Sola". «A Coral de Viana axudará nunha parte desa ópera que pechará o espectáculo. Co tempo esperamos escenificala na súa totalidade», engade.

A formación vianesa tamén achegará as súas voces a un fragmento de "Aló vén o gaiteiro", creando «un diálogo operístico entre Lucía e Xavier que se completará coa Real Banda. Será un momento moi bonito!», anticipa o director. Ademais, interpretaranse outras partes da égloga como "Un tempo de vals" ou "O Gaiteriño da Edrada".

O concerto comezará ás 18:30 horas e estará presentado por Montse Estévez. Xunto ás cantareiras da contorna xa mencionadas, Tatiana Kostomarova engadirá a beleza do seu violín.