sábado. 21.06.2025

O alcalde de Larouco reúnese con Medio Rural para valorar o estado das infraestructuras

O conselleiro do Medio Rural, José González, recibirá ao alcalde do concello ourensán de Larouco, Joaquín Prieto. 

foto xoán crespo
22/10/2018
O conselleiro do Medio Rural, José González, recibirá ao alcalde do concello ourensán de Larouco, Joaquín Prieto. foto xoán crespo 22/10/2018

O alcalde de Larouco, Joaquín Bautista Prieto, reuniuse con conselleiro do Medio Rural, José González, para valorar o estado das infraestructuras rurais.

A reunión tiña como principal interés coñecer ás novas necesidades do concello ourensán recordando que Larouco recibiu un total de 96.888 euros ao longo de tres anos, todo elo a través do Plan marco de mellora de camiños municipais que financia Medio Rural.

Así, o concello puido ampliar e mellorar o camiño de acceso ás explotacións de viñedo no alto da Ermida, renovar a pista da Enciñeira dende o cruce de Santa Lucía e, a través da última edición deste plan, ten previsto desenvolver o mantemento dos camiños de Seadur e do polígono de Larouco. Inclúese neste proxecto actuacións de roza e limpeza de beiravías e foxos, así como o tratamento asfáltico.

Noutra orde de cousas, a consellería tamén colaborou con este municipio a través das axudas do plan Leader que xestionan os Grupos de Desenvolvemento Rural. Entre os proxectos desenvolvidos no marco deste programa, está a rehabilitación e ampliación do telecentro de Freixido. Alí construíuse un baño habilitado para persoas cunha discapacidade e cambiáronse as fiestras e a cuberta para evitar filtracións e apostar así pola eficiencia enerxética. En total achegáronse 18.845 euros que financiaron o 90% da actuación.

Vivendas de aluguer

Outro proxecto que ten adxudicadas axudas do Leader é o arranxo das antigas escolas para vivendas de aluguer. O concello de Larouco posúe varios edificios de titularidade municipal que eran as antigas escolas do municipio. O obxectivo é transformar a primeira planta en vivendas, para o que é preciso realizar obras de división de espazo e de instalacións que permitan acondicionar a planta para o seu posterior aluguer de carácter social.

O orzamento é de 47.500 euros dos que o 78% (37.050 euros) procederán de fondos Leader e permitirá acondicionar dúas vivendas en cada edificio, poñendo a disposición un total de catro vivendas.

O alcalde de Larouco reúnese con Medio Rural para valorar o estado das infraestructuras