sábado. 31.05.2025

O Rúa Valdeorras arrasa na súa estrea: «É un inicio ilusionante»

O equipo amarelo impúxose 1-10 na primeira xornada de liga e deixa clara a súa condición de favorito ao ascenso
portada_somoscomarca_20241006_ruavaldeorrasfutbolsala
O Rúa Valdeorras arrasa na súa estrea: «É un inicio ilusionante» Foto: redes Rúa Valdeorras FSF

O Rúa Valdeorras CF estreouse na Primeira Futgal ourensá cunha contundente vitoria. O equipo que adestra Andrés Campo ‘Jovito’ impúxose 1-10 na primeira xornada de liga, na que se desprazaron ao Irixo para medirse a Os Toxos D’Ouro Futsal. Os goles tardaron dez minutos en chegar, pero dende que Julia abriu o marcador, foron caendo un tras outro.

Dende ese primeiro tanto, o dominio do Rúa Valdeorras foi absoluto. Ao final, Julia rematou a tarde con catro goles anotados, Nerea fixo tres e Marta, Lola, Leti e Alba fixeron un tanto cada unha.

O adestrador, Andrés Campo ‘Jovito’, cualifica de «ilusionante» o incio de liga. Sobre o partido, asegura que lles costou «ao principio, malia que dominamos e creamos ocasións, se ben elas tamén tiveron dúas contras nas que puideron anotar». Todo cambiou tras o primeiro gol do Rúa: «nós viñémonos arriba e elas abaixo e chegaron todos os goles, notouse que eran un equipo novo».

O Rúa Valdeorras ten aínda por diante 25 xornadas nesta Primeira Futgal, na que compite co obxectivo do ascenso de categoría. «É unha competición longa, con 13 equipos, algo que non é habitual na Primeira Futgal feminina de Ourense. Se se quere conseguir o obxectivo do ascenso, non se pode fallar. Só ascende o primeiro clasificado e hai rivais complicados, como Academia Futsal e Carballiño», advirte Jovito.

Con todo, o adestrador é optimista tras o inicio de liga, pois ve as xogadoras «moi comprometidas e con moita ilusión”. Engade que se nota “o gran traballo dos anos anteriores», con Rosendo Durán no banquiño.

Rúa ValdeorrasVianariño a próxima xornada

O Rúa Valdeorras xa traballa na próxima xornada, na que se medirán a un Vianariño que comezou perdendo (0-2 ante o Academia Futsal). Jovito eloxia ao seu próximo rival, un equipo, di, “que mellorou moito, con xogadoras destacadas, e temos que estar atentos e con ganas para poder ganar”.

«Nos derbis da igual onde esteas na clasificación, sempre se dá todo. Non ten que ver o resultado do amigable de hai dúas semanas», avisa o adestrador do equipo rués.

O Rúa Valdeorras arrasa na súa estrea: «É un inicio ilusionante»