sábado. 14.06.2025

Unións Agrarias denuncia públicamente irregularidades no Consello Regulador

O sindicato Unións Agrarias convocou a prensa na mañá do pasado mércores para denunciar publicamente irregularidades na sede interna do Consello Regulador.

Denuncian a existencia tanto de irregularidades na contabilidade como discrecionalidades no órgano de control da entidade.

Estas acusacións son froito do estudo exhaustivo dunha auditoría do Consello Regulador que saíu a luz fai uns días e que o sindicato insistiu en ver, acompañados dun especialista, para estudar o asunto.

A rolda de prensa foi presidida por José Ramón García, responsable de agricultura e producións extensivas de Unións Agrarias, que estivo acompañado por Evaristo García, candidato de Unións Agrarias á vogalía de produtores do Consello Regulador. García sinalou que Unións Agrarias comezou a detectar problemas en Valdeorras a raíz dunhas sancións propostas dende o Consello Regulador que afectaron a máis dun centro de viticultores no 2014. Estas sancións propoñían amonestar economicamente aos viticultores que se excederan da produción máxima de 100 kg.

Unha vez estudada a auditoría, o sindicato chegou á conclusión de que existen "irregularidades de carácter grave". Por unha banda, no que atinxe á contabilidade, UUAA denuncia que entre os anos 2014 e 2016 existen varias facturas con pagos non xustificados: "o portal web dovaldeorras.tv ten unha cantidade pagada de 125.228,95 euros, dos que só se xustifican con facturas 90.190, polo que hai 35.000 euros de gasto sen xustificar", explicaba García. Ademais, insisten,"os auditores dinnos que esa cantidade é esaxerada para o prezo de mercado, que oscila entre os 300 e os 5.000 euros".

O responsable de agricultura de Unións Agrarias informou tamén de máis irregularidades en pagos que, malia estar xustificados con documentos técnicos e facturas, non foron dados a coñecer ao pleno, como manda o regulamento. Tampouco están asinadas polo pleno, segundo afirma o sindicato, as anualidade do estado financeiro dos anos 2014, 2015 e 2016, sendo isto obrigatorio. “Temos a sensación de que se actúa con compadreo e isto non é a casa de ninguén”, sentenciou José Ramón García.

Por outra banda, UUAA afirma que hai irregularidades dentro do órgano de control do Consello Regulador. "Hai unha irregularidade manifesta nas altas de novos viticultores", asegura García, indicando que se incumpren os requirimentos establecidos no manual de calidade para dar de alta aos viticultores. "Isto pasa por deixadez do órgano de control. A auditoría di que hai unha modificación arbitraria dos datos do rexistro vitícola".

O sindicato anunciou que emprenderá as accións que sexan necesarias, comezando pola vía política, a través da Consellería de Medio Rural, e seguindo pola vía legal. Ademais, no prazo dunha semana presentarán un contencioso administrativo contra a resolución da Xunta de Galicia de non retirar a candidatura independente que presentan as bodegas industriais. "Non entendemos como, caendo o candidato, non cae a candidatura, posto que así se recolle no Real Decreto", sinala García.

O organismo considera que a auditoría saca a luz posibles delitos de malversación de fondos públicos, defraudación, prevaricación ou incluso delitos de apropiación indebida. Unións Agrarias insta así á Consellería de Medio Rural e á Xunta de Galicia a tomar cartas no asunto.

Unións Agrarias denuncia públicamente irregularidades no Consello Regulador