lunes. 25.08.2025

Manuel Baltar recibe á directiva da Asociación Empresarial de Valdeorras

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á vicepresidenta e xerente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), María del Carmen Rodríguez e Luisa López, respectivamente, con quen analizou un proxecto piloto sobre emprendemento e inserción laboral, "AevaempregaTE", que ten por obxectivo mellorar as posibilidades laborais das persoas desempregadas na procura de novos xacementos de emprego na comarca de Valdeorras.

Na xuntanza, Manuel Baltar coñeceu as "liñas mestras" da Asociación de Empresarios de Valdeorras e garantiu que para o ano 2018, o goberno provincial destinará "unha axuda de 40.000 euros para contribuír cos gastos de funcionamento de AEVA, que agrupa a 308 empresas de sectores punteiros da economía provincial e, tamén, para un programa de inserción laboral e emprendemento".

Asemade o presidente da Deputación de Ourense recoñeceu o labor que realiza AEVA, que actúa con carácter comarcal, e asegurou que o goberno provincial está aí "para colaborar con esta entidade ao igual que o fai con outras asociacións como son a Confederación de Empresarios ou Cámara de Comercio, para fomentar o dinamismo económico e a xeración de riqueza e emprego".

AEVA é unha organización empresarial sen ánimo de lucro constituída no ano 1990, e o seu ámbito territorial abrangue a toda a comarca de Valdeorras. Os obxectivos desta entidade son a representación, xestión e defensa dos intereses dos empresarios asociados, a promoción do desenvolvemento socio-económico da comarca, e o fomento do autoemprego e da economía social.

A Asociación Empresarial de Valdeorras conta con 308 socios, empresas dos sectores produtivos implantados na comarca: comercio e servizos, construción e obras públicas, metal, madeiras, vitivinícola e agrario, transportes, hostalería, profesionais e grandes empresas.

Manuel Baltar recibe á directiva da Asociación Empresarial de Valdeorras