
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras volverá a contar cun espazo expositor na prestixiosa feira sectorial Prowein, celebrada na cidade alemá de Düsseldorf.
Dende este domingo 19 de marzo e ata o vindeiro día 21, un total de 12, das 42 bodegas amparadas baixo o selo da D.O. Valdeorras, participarán neste foro internacional especializado en viños e bebidas espirituosas. Para o presidente do Consello Regulador, Francisco García, a participación das bodegas valdeorresas nesta feira significa "que os membros do sector vitivinícola da comarca están a respaldar a intensificación das accións de promoción exterior postas en marcha pola D.O".
No recinto feiral de Prowein, o Consello Regulador de Valdeorras disporá dun espazo expositor propio que conta cuns 9 metros cadrados. O mercado europeo, en xeral, e alemán, en particular, é “especialmente relevante para os viños da comarca”, tal e como salienta o presidente do Consello Regulador.
Esta é unha gran oportunidade para amosar a Denominación de Orixe Valdeorras e posicionala no mercado internacional. “Queremos incentivar as exportacións cara a Alemaña, un dos maiores consumidores de viños de Europa”, afirma García.
En Prowein 2017 exhibiranse ata 26 referencias diferentes de viños da comarca de Valdeorras, principalmente mencías e godellos pero tamén algún escumoso. Trátase de viños pertencentes ás bodegas Virxe de Galir, Valdesil, Joaquín Rebolledo, Ladera Sagrada, Godeval, Felipe Mayo, Ruchel, Carballal, Roandi, Terriña, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno e A Coroa.