jueves. 18.04.2024
44fe4e43-1c7e-49e4-83df-8de7d85c6029
Camiño do Futuro amosou o mapa de apoios da Xunta ás pemes valdeorresas

A casa grande Viloira no Barco de Valdeorras acolleu esta mañá a presentación do mapa de axudas da Xunta de Galicia coa asistencia de numerosas entidades e representantes da administración que acudiron para ofrecer unha explicación pormenorizada deste mapa de apoios, ademais da presenza do alcalde da vila, Alfredo García, o delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, que foi a encargada de pechar o acto.

Na apertura do evento, Alfredo García, alcalde do concello de O Barco, agradeceu a celebración deste encontro e destacou a necesidade na comarca de  «manter o emprego e xerar tamén emprego no rural para ter as condicións de poder vivir do territorio nunha zona que ten falta de asentamento poboacional e a necesidade de instalar empresas na comarca, máis preto da península que ningunha outra».  Pola súa parte, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e presidenta do GDR-7,  Carmen González, apostou pola necesidade de «crear un rural dinámico no que teñamos servizos e que permita emprender e vivir en Valdeorras».

Gabriel Alén salientou que Camiño de Futuro é continuación do Camiño da Innovación que o ano pasado percorreu pemes de 18 localidades galegas para asesorar a máis de 240 pemes e lembrou que a mensaxe é que «o tamaño, a localización ou o sector non poden ser unha barreira para a innovación e esta non é só cousa das grandes empresas da automocion ou téxtiles que todos coñecemos; a innovación e a mellora continua está ao alcance de todos».

Esta é a primeira das paradas do Camiño de Futuro, un acto no que a Xunta da a coñecer o mapa de apoios para 2022 destinados a pemes e autónomos e que congregou no Barco a máis de medio centenar de empresarios, empresarias, persoas emprendedoras, e representantes de entidades empresariais da contorna como Aeva, Acoval ou o Clúster da Pizarra.

Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade a Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer estes apoios, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain), de Agader e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) explicaron todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, e mesmo actividades non agrarias no rural, entre outras. Un completo abano de apoios e axudas para o tecido empresarial.

No final do acto, o peche correu a cargo de Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, entidade co-organizadora do evento. Na súa intervención, Novoa aproveitou para lembrar que na comarca valdeorresa a CEO ven de poñer en marcha a oficina de Conecta Ourense, «un proxecto que ten como principal obxectivo detectar o potencial das empresas desta zona de maneira que podamos orientalas no seu camiño cara á innovación, a internacionalización e a sustentabilidade, características irrenunciables das empresas deste século para afrontar con éxito os escenarios tan complicados que estamos a atravesar e poder así consolidar a súa competitividade’. A presidenta da CEO insistiu en que ‘en este contexto tan incerto e complexo é cando máis debemos estar a carón das empresas, cada organismo, administración ou entidade que aquí estamos na súa parcela de competencias e ao máximo das súas posibilidades, facilitando as condicións idóneas para que podan seguir desempeñando a súa actividade».

Camiño de Futuro amosou o mapa de apoios da Xunta ás pemes valdeorresas