viernes. 19.04.2024

O director do Igape, Fernando Guldrís, puxo como exemplo Bodegas Sampayolo

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Bodegas Sampayolo, na comarca de Valdeorras, que puxo como exemplo da aposta que está a facer o sector agroalimentario galego pola internacionalización co apoio da Xunta.  Guldrís destacou que a adega foi unha das beneficiarias do programa Galicia Exporta Dixital, que permitiu impulsar ata o de agora 155 plans de internacionalización entre pemes e microempresas galegas en máis de 90 países.



Segundo apuntou, o 10% destes proxectos pertencen, precisamente, ao sector agroalimentario e, no caso concreto de Bodegas Sampayolo, a liña facilitou o desenvolvemento de campañas de posicionamento e márketing.

Neste marco, o director do Igape puxo en valor a importancia da colaboración entre empresas e Administración para seguir incrementando a presenza internacional das compañías galegas. Non en van, as exportacións galegas veñen de rexistrar o mellor maio de toda a serie histórica, non só duplicando as cifras do mesmo mes de 2020, senón tamén sumando un 17,7% máis que no 2019 e un 5,6% máis que no 2018, previos ao inicio de pandemia.

"Nos cinco primeiros meses deste ano, as exportacións galegas rozan os 9.500 millóns, o que supón un incremento de máis do 41% con respecto ao mesmo período de 2020, e case vinte puntos máis que a media estatal para estes meses", salientou Guldrís.

Máis dun millón de euros en Ourense co Cheque Dixital

Durante a visita, o director do Igape salientou tamén a importancia da dixitalización no proceso de mellora competitiva do tecido empresarial e puxo en valor programas como o Cheque Dixital, que ten aberta unha nova convocatoria ata o vindeiro 30 de setembro.

Grazas a esta liña, o ano pasado impulsáronse 320 iniciativas na provincia de Ourense, cun importe superior ao millón de euros, axudando a pemes e autónomos na mellora da súa competitividade a través do fomento de distintos proxectos no eido da dixitalización. No caso concreto da comarca de Valdeorras, foron 14 iniciativas.

Desta volta, a liña suma un orzamento de 4 millóns de euros, cubrindo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.

Poden aspirar a estes apoios as pemes e autónomos do sector servizos, as entidades do tecido asociativo e empresarial galego, e as entidades da economía social que sexan pemes e non estean nos sectores da pesca/acuicultura ou produción primaria.

A Xunta destaca internacionalización do sector agroalimentario ourensán