Turismo de Galicia continúa a apostar polo desenvolvemento do enoturismo en Valdeorras a través do apoio á Feira do Viño e ás distintas iniciativas vinculadas á Ruta do Viño, co obxectivo de reforzar a proxección da comarca como destino de referencia no mapa vitivinícola galego.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo esta mañá unha reunión co presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe e da Ruta do Viño Valdeorras, Marcos Prada, na que se fixo balance da última edición da Feira do Viño, que contou co respaldo da Xunta, e xa se está a traballar na organización da cita deste ano, prevista para finais de maio de 2026.
Durante o encontro tamén se analizaron novas propostas destinadas a enriquecer a oferta turística da comarca. Entre elas, destacan actividades de maridaxe que combinan os viños da denominación de orixe con produtos gastronómicos locais, unha iniciativa que busca ofrecer experiencias máis completas aos visitantes e poñer en valor os recursos propios do territorio.
Ademais, Xosé Merelles e Marcos Prada repasaron outras accións que xa están en marcha, como a participación da Ruta do Viño na Primavera de Portas Abertas, unha iniciativa impulsada por Turismo de Galicia que permite achegar o mundo do viño ao público, así como eventos singulares como o festival «Entre Covas», que combina cultura, patrimonio e tradición vitivinícola.
Estas propostas forman parte dunha estratexia máis ampla que aposta por diversificar a oferta turística, atraer novos públicos e consolidar o enoturismo como un dos piares do desenvolvemento económico de Valdeorras.
Un destino singular e único
Co apoio institucional e a implicación do sector, Valdeorras continúa a dar pasos firmes para reforzar a súa identidade ligada ao viño, á gastronomía e ao territorio.
Un camiño que combina tradición e innovación e que busca situar a comarca como un destino atractivo ao longo de todo o ano, convidando a descubrir a súa riqueza cultural e enolóxica.



