sábado. 27.12.2025

O Termalismo Social 2026 abre solicitudes o 7 de xaneiro con balnearios dispoñibles todo o ano

O programa da Deputación de Ourense permitirá gozar de estancias termais desde xaneiro ata decembro e facilita a tramitación tanto por internet como de maneira presencial ou telefónica
somoscomarca_balneario_laias_Foto de la web de Balneario Laias Caldaria
Foto de la web de Balneario Laias Caldaria

O programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense volverá abrir unha nova edición o vindeiro 7 de xaneiro, data a partir da cal as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude para acceder ás diferentes modalidades termais ofertadas ao longo de todo o ano 2026.

Co obxectivo de facilitar o acceso ao programa, a Deputación habilita diversas vías de tramitación. Ademais da solicitude a través de internet, tamén se poderá realizar de forma presencial nas oficinas da Área de Benestar, situadas no edificio de Correos da rúa Progreso, en horario de 8.30 a 14.30 horas. Así mesmo, as xestións poderán facerse a través dos traballadores sociais da maior parte dos concellos da provincia ou mediante chamada telefónica aos propios balnearios, que actúan como entidades colaboradoras.

Unha das principais novidades desta edición é que os balnearios participantes ofertarán quendas desde o mes de xaneiro ata decembro, permitindo ás persoas usuarias escoller datas ao longo de todo o ano. A primeira quenda arrancará o 19 de xaneiro no Balneario de Laias, apenas doce días despois da apertura do prazo de solicitudes.

A modalidade con maior número de prazas será a de Estancias Termais, que inclúe seis días e cinco noites de aloxamento con pensión completa, dez técnicas termais e acceso ás piscinas de auga mineromedicinal. Xunto a esta opción, o programa contempla tamén as modalidades de Cultura Termal e Tratamentos Terapéuticos, adaptadas a diferentes necesidades e perfís de usuarios.

Toda a información detallada do programa xa está dispoñible na web termalismourense.com, onde se poden consultar os balnearios participantes —Arnoia, Eurostars de Allariz, Laias, Lobios, O Carballiño e Partovia—, os requisitos de acceso, os servizos incluídos en cada modalidade, os prezos e o calendario de quendas de cada establecemento.

Como novidade este ano, os balnearios poderán establecer un prezo único ou tarifas diferentes en función da tempada baixa, media ou alta, información que tamén se poderá consultar na web oficial do programa.

Coa previsión dun elevado número de consultas nos primeiros días, a Deputación habilita desde hoxe catro liñas telefónicas específicas de atención ao público nos números 988 317 869, 988 317 865, 988 317 867 e 988 317 860.

O Termalismo Social consolídase así, un ano máis, como unha das iniciativas máis demandadas da Deputación de Ourense, promovendo o benestar, a saúde e o envellecemento activo, ao tempo que dinamiza os recursos termais da provincia

O Termalismo Social 2026 abre solicitudes o 7 de xaneiro con balnearios dispoñibles...