
O Hospital Comarcal de Valdeorras puxo en marcha unha novidosa técnica cirúrxica, minimamente invasiva, que repara o prolapso rectal. Esta afección, que afecta maioritariamente a mulleres en idade avanzada, implica a saída de parte, ou da totalidade, do recto a través do ano. Aínda que se descoñece exactamente a súa causa, relacionase cos partos, co estreñimento crónico, ca debilidade da musculatura ou con problemas neurolóxicos.
Esta nova técnica, levada a cabo mediante excisión Transtar, realízase con sedación local, evitando así someter aos pacientes a anestesia total, como require a técnica máis habitual nestes casos, que consiste nunha incisión no abdome mediante ciruxía tradicional ou laparoscópica.
A nova técnica, polo tanto, posibilita ofertar unha resposta cirúrxica a pacientes nos que, pola súa idade avanzada ou estado de saúde, non está indicada unha intervención. Ademais, permite a rápida recuperación dos pacientes cun mellor postoperatorio e plena recuperación das súas funcións entre as seis e as oito semanas.
O pasado luns un equipo de ciruxáns do hospital valdeorrés, dirixidos polo doutor Eloi Espín, xefe da Unidade de Ciruxía de Colon e Recto do Hospital Val D'Hebrón de Barcelona, levou a cabo a primeira operación deste tipo na comarca. María Teresa García Martínez, do Servizo de Cirurxía do HCV, estima que en Valdeorras se diagnostican ao redor de 12 casos ao ano, que mediante a incorporación desta técnica, terán mais alternativas para ser intervidos directamente en O Barco, co sistema que mellor se adapte as necesidades de cada paciente.
Malia non ser unha patoloxía grave que conleve graves riscos para o paciente, o seu padecemento parella frecuentemente debilidade de esfínter, polo que afecta a vida diaria e autoestima dos que o padecen.
As dificultades e riscos de empregar anestesia xeral en determinados pacientes xunto co crecente envellecemento da poboación de Ourense, foron a principal motivación pola cal o equipo cirúrxico do Hospital Comarcal de Valdeorras decidiu incorporar esta nova técnica na súa carteira de servizos.