
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nomeou este 28 de maio a Eladio Santos Martínez novo subdelegado do Goberno na provincia de Ourense. O delegado transmitiulle este nomeamento persoalmente nunha reunión que mantiveron esta mañá na sede da Delegación do Goberno e na que Pedro Blanco aproveitou para trasladarlle os obxectivos de cara á nova etapa que se abre nesta Subdelegación.
Blanco trasladou ao novo subdelegado a esixencia de impulsar os proxectos do Goberno para a provincia de Ourense. Con el repasou os principais investimentos e programas planificados para a provincia co obxectivo de que estes proxectos e compromisos se traduzan nunha mellora para a cidadanía, o tecido produtivo e as administracións da provincia, sobre todo os 92 concellos.
Eladio Santos exerceu a política municipal no Barco como concelleiro de Promoción Económica, Turismo, Comercio e Consumo entre os anos 2021 e 2023 —no anterior mandato—. Tras deixar este cargo local presentouse nas listas do Partido Socialista de Galicia nas eleccións autónomicas do pasado 18 de febreiro deste ano 2024.
Pedro Blanco destacou do novo subdelegado a súa longa experiencia profesional, sempre vencellada á docencia no IES Lauro Olmo —cargo que deixará o propio xoves cando sexa presentado como subdelegado en Ourense—. Tomará posesión do cargo este xoves, 30 de maio, nun acto institucional que se celebrará na Subdelegación de Ourense.

O delegado amosou a súa satisfacción por esta incorporación, relevando ao anterior subdelegado, Emilio González, quen cesou por xubilación a finais do pasado mes de abril. Pedro Blanco reiterou o recoñecemento ao traballo que desenvolveuno no tempo que estivo á fronte da Subdelegación.
Durante estas semanas exerceu o cargo de subdelegado en funcións Manuel Arias, secretario xeral desta Subdelegación. Pedro Blanco agradeceu o seu traballo para dar continuidade aos servizos do organismo e na dirección das súas competencias