Este ano, por fin, o tempo acompañou e as alfombras florais do Corpus Christi puideron lucir nas rúas sen a ameaza da choiva, que en anos anteriores estragara tanto traballo e ilusión. Na comarca de Valdeorras, parroquias como Santo Estevo na Rúa, San Mauro no Barco e a tradicional alfombra da Praza da Veiguiña en Petín enchéronse de cor, devoción e beleza grazas ao esforzo voluntario de veciños e veciñas que traballan durante días –e noites enteiras– para crear auténticas obras de arte efémeras.
Santo Estevo, na Rúa: arte codo con codo
Na parroquia de Santo Estevo, na Rúa Vella, as alfombras deste ano foron descritas polos propios veciños como "fabulosas". Levan traballando dende o sábado ás oito da mañá sen durmir, e o resultado paga a pena. Fina Álvarez, a alma creativa deste proxecto, é quen deseña os motivos das alfombras, moitas veces inspirados na iconografía relixiosa e nos símbolos litúrxicos.

«Os debuxos comecei a facelos en febreiro ou marzo, cando chega a inspiración», conta Fina, quen tamén se encarga da confección. Este ano empregaron máis de 800 quilos de materiais entre sal, millo, pos de café tinguidos e garavanzos. “Se non hai algo relixioso, eu non o fago”, asegura, fiel ao espírito da celebración.

Os deseños incluíron referencias ao Xubileo de 2025, o cáliz, a cruz, un barco con nenos –símbolo da Igrexa– e o tradicional "árbore da vida", entre outros. Algúns debuxos estan feitos en catro partes para poder montar e encher a tempo antes da procesión. “O atrio da igrexa tiña tulipáns perfectos e letras feitas con mimo”, comenta outra veciña, admirada polo detalle das composicións.
San Mauro, no Barco: faltou a Rúa Real
No Barco de Valdeorras, a rúa de San Mauro foi a única que logrou sacar adiante a elaboración das alfombras florais este ano. Só se decoraron a rúa San Mauro e a Praza da Igrexa. As rúas Real e San Roque, habituais nesta celebración, non contaron con voluntariado suficiente. Os veciños de máis idade, que tradicionalmente participaban, este ano decidiron non involucrarse. Un reflexo dos retos que afrontan estas tradicións: o relevo xeracional e a mobilización comunitaria.

Petín: tradición que non falla na Veiguiña
En Petín, a alfombra da Praza da Veiguiña non faltou á cita. O altar, sempre florido, volvía ser o centro da celebración na localidade. Un ano máis, os veciños mantiveron viva a tradición cunha composición coidada e vistosa, feita con sal. A creatividade e a fe unidas nun só espazo que invita á reflexión e á contemplación.

As alfombras florais do Corpus son moito máis ca decoración relixiosa: son expresión artística, traballo colectivo e identidade cultural. Son o esforzo de xente como Fina e todas as mulleres e homes que, sen durmir, crean beleza para que as rúas das nosas vilas fagan honra ao día máis solemne do calendario litúrxico.

E como dicían na Rúa este ano, "que volvan todos para o ano que vén". Porque cando o tempo acompaña e a xente colabora, as alfombras relocen coma o sol.