martes. 03.06.2025

«A auga non é infinita, nin un privilexio. É un recurso vital que temos que coidar»

Con motivo do Día Mundial da Auga, José Antonio Quiroga pon en valor a boa xestión deste fluído, insistindo no seu aforro e evitando a súa contaminación

somoscomarca_joseantonioquiroga_presidentechms
Jose Antonio Quiroga, presidente de la CHMS

Máis de 3000 millóns de individuos ao redor do globo dependen da auga que cruza fronteiras nacionais. Con todo, unicamente 24 nacións contan con acordos de cooperación que abarcan todos os recursos hídricos compartidos.

Con motivo do Día Mundial da Auga, José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, asegura que «sen unha boa xestión, sen o aforro da auga, vamos por moi mal camiño». 

Nesta ocasión, este día especial está sinalado baixo o lema "auga para a paz". Se este recurso «o conflito está servido a todos os niveis e en todas as latitudes. Por iso a xustificación deste lema», explica Quiroga. 

Sen este líquido, teríanse moitos problemas a diferentes niveis da vida, «como se puido comprobar fai un par de anos, na nosa demarcación, cando no verán a escaseza de este liquido se fixo moi latente».

De feito, «ata 38 concellos da provincia de Ourense, tiveron problemas de abastecemento. Non só de auga de boca, tamén para as gandeiras e así darlle de beber os animais», asegura o presidente do CHMS.

Nestes momentos estamos diante «dun contexto que xa non é teoría ou especulación como é o do Cambio Climático». Aínda que en moitas ocasións non se teña presente esta problemática, «si que comeza a impactar o cambio que se está vivindo coas temperaturas». 

A pesar deste cambio de temperaturas que se está a vivir nestas épocas do ano, «as precipitacións acumuladas, dende o Plan Hidrolóxico de outubro, son máis que xenerosas». Segundo o que explica, estase a falar de «1.992 litros por metro cadrado recollidos na demarcación como media». Sobre zona de Valdeorras, «no Sil superior falamos de 893, pero moi por encima da media histórica».

Estes datos parecen esperanzadores, aínda que Quiroga deixa claro que nada «nos fai asegurar e ter claro que nos próximos meses teñamos precipitacións ou que non vaiamos ter problemas serios». 

Por outra banda, o presidente do CHMS pide afondar noutro aspecto, «que é potenciar o consumo de produtos locais, que implica dunha boa xestión de auga. O aforro e optimización no consumo da auga e uso é clave. E vaino ser cada vez máis».

Para concluír, Quiroga fai fincapé en que a auga «xa non é un privilexio como pensabamos antes, que nos cae de balde. En moitas ocasións, as cousas que veñen regaladas non lle damos aprecio. De feito, non é infinita nin un privilexio, é un recurso vital que temos que coidar e se non o facemos podémonos atopar con serios problemas».

Se queres escoitar a entrevista completa a José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil:

«A auga non é infinita, nin un privilexio. É un recurso vital que temos que coidar»