San Xil volve reunir a Casaio: séculos de fe entre montañas

En Casaio a historia vístese de romaría para peregrinar polos camiños cara unha promesa que leva séculos cumpríndose 

Cada primeiro de maio, os camiños que conducen á ermida de San Xil en Casaio vólvense a encher de vida. Romeiros e veciños, chegados a pé ou en vehículos todoterreo, soben con devoción ata o lugar onde a natureza e a historia se dan a man. A celebración —aínda que o día litúrxico do santo é o 1 de setembro— converteuse nunha cita ineludible que une pasado e presente, espiritualidade e festa.

 

Este ano 2025 a romaría estivo acompañada polo sol, contrastando co ano anterior, onde a chuvia, a sarabia e mesmo a neve foron protagonistas. Pero nin as inclemencias do tempo impiden que Casaio e a contorna acudan á súa cita coa historia. A xornada comezou, como é tradición, cunha misa campestre oficiada polo párroco de Sobradelo, Juan José Prieto Villoria, seguida dunha pequena procesión entre os montes, preto do río San Xil. Despois, como manda a tradición, chegou o tempo da comida compartida, os cánticos e a troula.

Un santo con pegada medieval

Para entender a singularidade desta romaría, hai que remontarse séculos atrás. San Xil —ou San Giles, como tamén se lle coñece noutras tradicións europeas— foi un monxe beneditino que viviu no século XII. A súa formación tivo lugar en mosteiros de prestixio coma Carracedo do Bierzo ou San Pedro de Montes. Finalmente, exerceu como abad no mosteiro de San Martín de Castañeda, en terras de Sanabria.

Foi precisamente nesta última etapa cando, segundo a tradición oral recollida por veciños como Venancio, San Xil tivo un conflito cos seus superiores por querer trocar o hábito negro beneditino polo branco, probablemente buscando unha vida máis austera e ermitaña. Esta ruptura motivou a súa marcha cara ás terras altas de Valdeorras. A través dos antigos sendeiros que atravesan Trevinca, chegou á paraxe de Casaio, onde decidiu establecerse e vivir como ermitán.

Durante a súa estadía, os veciños de Casaio convertéronse nos seus protectores e valedores, pagándolle en especias e confiándolle documentos e tarefas de intermediación, reforzando a súa figura como santo protector e mediador. A súa presenza marcou tanto a memoria da zona que, tras a súa morte, foi enterrado na antiga ermida, onde séculos despois se descubriría a súa tumba durante unha restauración do retablo en 2003.

Dous San Xil, unha devoción compartida

A historia moderna da romaría tamén ten os seus capítulos singulares. En 1972, construíuse unha nova ermida en Casaio e tomouse a decisión de trasladar unha das tallas do santo dende a vella ermida no monte ata o novo templo nas cercanías do pobo. «Deixouse o vello arriba e o novo baixouse», como explican os veciños. A antiga capela, xa moi deteriorada, foi recuperada no ano 2001 grazas ao esforzo veciñal, devolvéndolle a dignidade e consolidando a súa función como centro da romaría anual.

Curiosamente, a talla do santo que hoxe se venera na ermida de San Xil tiña orixinalmente unha cor verde. Foi na restauración cando se recuperou o hábito negro, símbolo da súa vida monástica. E con el, tamén se restaurou a memoria de séculos de fe e tradición.

A forza dos romeiros de Casaio

Máis alá do ritual e a relixiosidade, a romaría é unha mostra da forza das xentes de Casaio. Son eles, os veciños e veciñas, quen manteñen viva a chama desta celebración ano tras ano. A súa fidelidade, a súa presenza constante, mesmo nos días de mal tempo, dan sentido a esta festa que vai moito máis alá dun calendario.

somoscomarca_casaio_sangil_romeria (5)

San Xil, o ermitán fuxido das ordes do poder, o home de hábito austero e man de xustiza para o pobo, continúa sendo hoxe símbolo de resistencia, identidade e espiritualidade para Casaio e para todos os que se achegan ata a súa ermida.