lunes. 06.02.2023

Retómanse os traballos de documentación das pinturas prehistóricas de Palas de Cabras (Casaio)

O obxectivo desta segunda fase é documentar de forma exhaustiva tanto as pinturas como a propia Pala de Cabras, contextualizando a súa cronoloxía e marco histórico
somoscomarca_casaio_palasdecabras_excavacion_2023 (1)
Retómanse os traballos de documentación das pinturas prehistóricas de Palas de Cabras (Casaio)

A próxima semana o equipo de Sputnik Labrego volverá aos montes de Casaio para continuar os traballos de documentación e posta en valor das pinturas prehistóricas de Pala de Cabras.

Desde o pasado mes de novembro, as pinturas descubertas en febreiro de 2019, son obxecto dun proxecto específico co obxectivo de valorar o seu estado de conservación así como as circunstancias históricas que o rodearon e que dalgún xeito influíron nelas. Trátase de contextualizar a súa cronoloxía e marco histórico referencial.

«En novembro tivemos a oportunidade de escavar dentro da pala, podendo documentar varios materiais que pensamos son de época prehistórica, dunha época moi próxima á pintura orixinal dos ídolos oculados», apunta Carlos Tejerizo, director do proxecto.

«Estamos en trámites de estudo e de datación por termoluminiscencia dalgúns destes materiais, para ter unha información moito máis segura do contexto histórico no que se fixeron as pinturas, hai 5000 anos», explica, Tejerizo.

somoscomarca_casaio_palasdecabras_excavacion_2023 (2)
Traballos en Pala de Cabras (Casaio)

Os traballos que se van realizar na próxima semana, centraranse na documentación exhaustiva tanto das pinturas en si mesmas como da propia Pala de Cabras. Deste xeito faranse  fotografías infravermellas na procura de máis motivos nas paredes da pala. Ata o de agora, cerca dunha trintena de pinturas foron documentadas, mais os especialistas están seguros que hai máis.

«Con este tipo de fotografías poderemos determinar non só se hai máis pinturas, senón tamén estudar mellor as que xa coñecemos, como os ídolos oculados», subliña Celtia Rodríguez, coordinadora en campo dos traballos.

Pola súa parte, a documentación tridimensional da pala será fundamental para a posta en valor do lugar. «Un dos obxectivos a medio prazo é, obviamente, pór a disposición do público este sitio único. Porén, pola súa dificultade para achegarse ata aquí, será moi importante ter este tipo de información para podela ter nas redes. A xente que non poda vir directamente, poderá velo todo a través dunha páxina web», sinala Celtia.

Estes traballos, acometidos pola Asociación Científica Sputnik Labrego, contan co apoio da Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira e serán realizados por especialistas en documentación arqueolóxica con ampla experiencia noutros contextos similares a Pala de Cabras. Unha vez rematado o proxecto, todos os resultados serán postos a disposición do público nunha palestra a realizar no Barco de Valdeorras.

Retómanse os traballos de documentación das pinturas prehistóricas de Palas de Cabras...