domingo. 01.06.2025

«A devoción polo Padre Eterno é moi grande, a unha Trinidade que se talla nun tronco»

Esta fin de semana Lardeira (Carballeda) vivirá unha das súas datas marcadas no calendario. Falamos co historiador valdeorrés, Isidro García Tato, sobre esta peregrinación e romaría
portada_somoscomarca_lardeira_padreeterno_2023 (46)
Padre Eterno, en Lardeira (Carballeda) no ano 2023.

«Eu fixen a tese de doutoramento en Alemaña sobre a Santísima Trinidade. Era algo que a todos lles chamaba a atención, pero quixen reflexionar sobre unha concepción antropolóxica e teolóxica radical do catolicismo fronte ao calvinismo e o protestantismo». Unha devoción ao Padre Eterno que acompaña a Isidro García Tato, historiador valdeorrés e membro do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), «dende moi pequeno». 

portada_somoscomarca_lardeira_padreeterno_2023 (53)
Isidro García Tato e Mons. D. Julián Barrio Barrio, arzobispo emérito de Santiago de Compostela (2023).

Conta que esta historia remóntase ao século XVI, pero que «ata o XVIII a Trinidade, a imaxe que sae dun tronco e dívidese en tres persoas dialogantes, non estaba na igrexa de Lardeira, senón nunha capela aparte, porque o patrón da vila é Santo Tirso». Un patrón que se honra cada mes de xaneiro.

Esta fin de semana do 25 e 26 de maio é a quenda do Padre Eterno, cunha devoción coñecida tamén como á Santísima Trinidade, e que congrega cada ano a ducias de persoas que peregrinan até Lardeira dende outros moitos concellos —tamén de fóra de Galicia—.

Esta festividade é unha das máis singulares da provincia. Seguindo unha tradición ancestral, durante a procesión, as tallas pasan por riba dos devotos ou, o que é o mesmo, os fieis agóchanse e pasan baixo as imaxes. O seu significado, segundo explica cada ano o párroco, Juan José Prieto, é claro: «os fieis buscan a protección da advocación».

«O concepto de persoa, de humano, xurdiu desa Trinidade»

Na nosa conversa con Isidro García Tato, puidemos averiguar o significado da Santísima Trinidade, venerada nesta celebración anual. «O Deus cristiano é un Deus persoal, que está en diálogo. E é esa apertura cara os demais, cara os humanos, o que lle dá unha personalidade de Tú, de igual a igual. A esencia da Trinidade é esa». 

Unha imaxe que se representa en Lardeira coa talla de tres persoas «como dialogando, que sae dun tronco, e que ten un significado moi profundo». Tan profundo que incluso afonda no concepto da persoa e do humano «que non sae nin da Revolución Francesa nin da Ilustración, senón desta Santísima Trinidade», confirmaba García Tato. 

«É un concepto teolóxico-cristiano, e de aí vén o da persoa humana creada á imaxe e semellanza da persoa divina. É complicado pero é así». Non sabemos se cada persoa que acude, fiel cada ano, a Lardeira coñece esta explicación divina e terrenal do Padre Eterno e da Santísima Trinidade. O que si sabemos é que, na forma de contar de Isidro García Tato, demóstrase a súa devoción.

Se desexa escoitar a entrevista a Isidro García Tato pode facelo no seguinte enlace de audio

«A devoción polo Padre Eterno é moi grande, a unha Trinidade que se talla nun tronco»