miércoles. 25.06.2025

Maria del Carmen González: «É unha experiencia que se debe repetir e incluso se debe facer un maior esforzo»,

A alcaldesa de Carballeda mostrábase moi satisfeita coa resposta dos veciños que encheron o salón de actos do Centro Social de Sobradelo
somoscomarca_sobradelo_conferencias (2)

As xornadas divulgativas de Sobradelo pecharon cunha charla sobre comunicación familiar e teoría da mente, tras tres días de gran participación veciñal, nos que nin o calor abafante nin a DANA do último día impediron que a xente acudise maioritariamente

A comunicación na familia e a teoría da mente foron os temas centrais da última xornada divulgativa celebrada en Sobradelo, no concello de Carballeda de Valdeorras, unha iniciativa impulsada polo Concello e enmarcada no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A alcaldesa de Carballeda, María del Carmen González, valorou de forma moi positiva a experiencia, sinalando en Radio Valdeorras-Onda Cero que «foi unha iniciativa municipal que decidimos traballar noutro campo de axuda aos veciños, nunha área vital do seu día a día».

A rexedora destacou tamén que estas actividades buscan completar o ciclo de apoio que xa se ofrece á infancia e mocidade do municipio, centrando agora a atención nas figuras parentais e, sobre todo, nos avós, que «na sociedade actual están a exercer unha labor educativa inestimable».

O psicopedagogo José Fernández, presidente da asociación Vagalume Valdeorras e coorganizador das xornadas xunto ao Concello, foi o encargado de poñer o broche de ouro ao ciclo de conferencias cunha intervención que afondou na importancia da empatía, a comprensión emocional e a conexión interxeracional no seo das familias.

somoscomarca_sobradelo_conferencias (1)
José Fernández durante a súa exposición

Conferencias cheas a pesar do calor

As xornadas desenvolvéronse ao longo de tres días cunha gran afluencia de veciños, malia as condicións climatolóxicas adversas en dúas das sesións. A alcaldesa subliñou o compromiso da veciñanza e a súa activa participación nos debates: «As tres conferencias estiveron absolutamente cheas, e iso demostra o interese que espertou a proposta».

Ademais da sesión de peche a cargo de José Fernández, o programa contou co pedagogo Manuel Isorna, quen abordou temas como o uso das redes sociais e as adiccións na mocidade, e co investigador Juan Castro Rivadulla, da Universidade da Coruña, que achegou valiosa información sobre o funcionamento do cerebro e a súa relación co comportamento humano.

Desde o Concello xa se baralla a posibilidade de darlle continuidade a esta proposta nos vindeiros anos, facendo un maior esforzo organizativo e ampliando os contidos. «Temos que conseguir unha sociedade máis humana», concluíu María del Carmen González.

somoscomarca_20250625_sobradelo_conferencia_vagalumevaldeorras (2)

Maria del Carmen González: «É unha experiencia que se debe repetir e incluso se debe...