O San Vitoiro celébrase na capela que o santo ten un pouco antes de chegar a Lardeira —a quilómetro e medio, aproximadamente—. Unha estrutura na que a pizarra da zona se deixa ver e, de que maneira!

Os veciños de Lardeira e das aldeas próximas, O trigal, Casaio, Portrela Viladequinta, O Robledo, acoden cada vez máis para retomar a tradición de comer na chaira entre árbores na contorna da capela. E, é que o Pai Eterno cada vez foi gañando máis devotos e os de San Vitoiro, pese a ser o patrón foron a menos.

Moita xente asistiu á misa e logo como os romeiros de antano comeron nos arredores, iso si, trocouse o mantel estirado no prado e a cesta de vimbio por unha mesa con cadeiras cómoda e neveiras para que a comida e bebida estivese fresquiña. Para os que non quixeron levar a carabela, unha pulpeira saciaba a fame cunhas ricas racións de pulpo.

San Vitoiro por Isidro García Tato
Isidro García Tato, teólogo e historiador galego, investigador no Consello Superior de Investigacións Científicas e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, reflectía hai uns días na súa rede de Facebook esta festividade nos seguintes termos: «Desde xuño de 1984 celébrabase a festividade do bendito San Vitoiro, na súa capela do mesmo nome no termo do pobo de Lardeira (concello de Carballeda), sita xa nos lindeiros da provincia de León, nun dos puntos máis orientais de Galicia, como a 1,5 km do núcleo de Lardeira, a uns 1200 m de altura», refería Tato.

«A antigüidade desta capela remonta ao ano 1510 cando os titulares do recén creado Marquesado de Villafranca (Salamanca, 10-decembre-1486), dona María Osorio y Pimentel e don Pedro Álvarez de Toledo y Zúñiga, (segundos marqueses de Villafranca), permitiron establecerse a unhas dez familias neste punto, ao que se nomeou Camporredondo. A súa historia estivo plagada de pleitos e, malia todo, mantívose poboado ata mediados do século XIX, como "barrio" de Lardeira e eclesiásticamente como anexo da igrexa matriz de Santa María de Casaio. Hoxe só queda a capela coa advocación de San Vitoiro», explicaba o historiador en alusión á historia da capela.

«Síntome moi atraído por este poboado, porque parte da familia da miña aboa paterna (Isabel Neira Arias) ven de alí. Iremos mañá a misa e procesión, rematando cun rabo de pulpo e un par de chanqueiros de viño», en referencia as súas vivenzas persoais.

Vídeo da procesión ao redor da capela