martes. 03.06.2025

Os espazos de xestión comunal son protagonistas en Casaio (Carballeda)

Ás 10:00 horas do martes 30 de abril comezará unha nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural nas Antigas Escolas do municipio
Casaio BIC_Encontro Consello e Sputnik Labrego_05
Encontro Consello da Cultura Galega, Asociación Científica Sputnik Labrego e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira (ano 2021).

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Asociación Científica Sputnik Labrego e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, organiza unha nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. A cita leva por título «A materialidade dos espazos comunais: pasado, presente e futuro das comunidades rurais do noroeste peninsular».

A partir das 10:00 horas deste martes 30 de abril desenvolverase este acto nas Antigas Escolas de Casaio (Carballeda de Valdeorras). Intervirán a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; Lara Barros, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Tejerizo, coordinadores da xornada. O centro do acto será a xestión dos montes veciñais en man común que «constitúen unha parte fundamental da paisaxe galega». 

Ademais tamén se afondará «na historia destes espazos e nalgunhas metodoloxías novas que, como o estudo arqueolóxico ou etnográfico, permiten unha achega complexa a estes procesos de xestión comunal». 

Programa completo

A cita abrirase co relatorio “Comunidades rurais na historia contemporánea de Galicia: de mitos, fitos e conflitos”, a cargo de Ana Cabana Iglesia, da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Será ás 10:15 horas. A continuación, Jesús Albarrán Deza, de Iniciativa Comunales e Plataforma en Defensa de las Juntas Vecinales de Omaña, exporá os retos e as ameazas ás que se enfrontan os espazos comunais da montaña de León.

Xa ás 11:15 horas David Fontán Bestilleiro (USC) realizará unha aproximación histórica aos agroecosistemas de Laíño e Dodro e explicará os conflitos xerados nos procesos de desposesión destes espazos. A conflitividade dos montes comunais en Galicia será, ademais, o eixe central do relatorio de Lara Barros Alfaro, responsable do proxecto Mulime. Pechará a sesión Pablo López Gómez, da Universidade de Oviedo, cunha intervención titulada “Paisaxes de montaña resilientes. Arqueoloxía de los comunales nel centru-occidente d’Asturies”.

O programa completarase cun percorrido por varios espazos de xestión comunal na zona de Casaio. En concreto, visitaranse Sobredo (alvarizas), Campo Romo e Pena Trevinca. Actividade que comezará ás 16:30 horas. 

A inscrición para participar é gratuita e limitada. Máis información na páxina web do Consello de Cultura Galega

Os espazos de xestión comunal son protagonistas en Casaio (Carballeda)