
Figuras oculadas, soliformes, ramiformes e incluso zig-zags son algúns dos achados no abrigo de Pala de Cabras, en Casaio. Un espazo «privilexiado cunha fervenza e unhas vistas espectaculares». Francisco Alonso Toucido e Carlos Tejerizo-García amosaron este xacemento que constitúe un dos conxuntos de Arte Esquemático máis complexos do noroeste da Península Ibérica.

Foron dous veciños de Casaio os que facilitaron a información deste espazo, e posibilitaron a localización de Pala de Cabras: eles son Francisco Fernández e César Real. E foi o proxecto arqueolóxico Sputnik Labrego o que seguiu investigando mentres estudaban a presenza da guerrilla antifranquista en Casaio, no que foi coñecida como "Ciudad de la Selva".
Precisamente "Ciudad de la Selva" é o título dun libro que verá próximamente a luz e que versa sobre estas comunidades de "fuxidos" do franquismo.
Figuras que aparecían segundo avanzaba a investigación
A primeira visita a este abrigo foi o 5 de febreiro do ano 2019 cunha única razón: a presenza dunha choza relacionada coa guerrilla asentada na zona durante e Guerra Civil e a posguerra. «Cando viñemos xa se atoparan en Galicia algunhas pinturas na zona de Verín por exemplo, e tiñamos unha referencia deste tipo de arte».
Francisco Alonso confesaba que «foi unha alegría ver o chozo aquí, nesta contorna tan idílica. E o foi máis atopar por exemplo un ídolo oculado, típico da Idade de Cobre, dun antropomorfo cunhas cellas, con grandes ollos, cunha continuación do nariz e incluso con dúas liñas que semellaban bigotes pero eran tatuaxes faciais». De toda esta información recollida puideron saber a cronoloxía da pintura.

O seguinte que atoparon foron «dous grandes soliformes, dous círculos con trazos superpostos, e cada vez foron saíndo máis motivos e figuras, aínda que algúns con peor conservación». Entre estes novos achados está tamén outro oculado «con dous ollos e liñas vermellas». Outra das figuras atopadas neste abrigo foron os chamados soliformes «que non tiñamos en Galicia como estas, pero sí aquí preto, en Bragança». Este xacemento de arte esquemático podería ser de «hai 4.000 ou 5.000 anos».

Outra das características clave deste enclave é a mezcla que nel se pode atopar. «Estamos nunha Galicia mediterránea que chega dende a Vía da Prata que chega á nosa tradición dos petroglifos, predominante en Galicia, e que vén dende o Atlántico». Dúas vertentes que confluén en Casaio.

Os dous investigadores quixeron incidir ademais no que «falta agora, que é a conservación. Por exemplo, a posibilidade de facer unha limpeza, protexelo do paso do tempo, abrir unha páxina web para achegar esta historia á sociedade... e queremos conseguir fondos públicos». Unha partida económica que «axudaría a conservar as figuras, que xa de por si se conservan grazas á composición mineral da pintura e da capa de salitre que, co paso dos anos, teñen sobre elas».
