martes. 04.10.2022

Os refachos de vento superaron os 150 quilómetros por hora

A borrasca Bella entrou con forza na comarca de Valdeorras deixando un verdadeiro temporal de vento e precipitacións. Segundo os datos facilitados por Meteogalicia os refachos de vento superaron os 150 quilómetros por hora nos lugares máis altos da bisbarra, chegando a acadar en Carballeda de Valdeorras, na estación de Lardeira os 155 quilómetros por hora na madrugada deste luns, 28 de decembro.



Bella vaise afastando pouco a pouco de Galicia, polo tanto vai diminuíndo a súa actividade e entra na chamada «zona de chuvascos». A fronte que pasaba na pasada noite arrastraba aire frío, o tempo volveuse inseguro, cambiante e aínda que houbo momentos nos que se abriron claros houbo outros de precipitación que mesturados co aire frío deu lugar ás nevaradas. Para o día de hoxe prevense neves polo entorno dos 800 metros.

Hoxe o protagonismo pasa do vento para a neve. Aviso amarelo por acumulación de neve que pode superar os 5 centímetros por riba dos 1000 metros de altura.

Entrada de Casaio ás 8:00 horas

Para mañá, debilitamento da borrasca Bella aínda que se seguirá con esta zona de aire frío. Os chuvascos serán menos frecuentes e menos intensos dos que se agardan para hoxe, pero seguirán sucedéndose. A cota de neve manterase nos 800 ou 900 metros e polo tanto manterase o aviso por neve. Non será até o mércores cando se teña unha xornada máis tranquila, aínda que desde Meteo Galicia adiantan que para a xornada do xoves, Noitevella entrará unha nova borrasca.

En xeral unha semana fría e caracterizada por esta situación de chuvascos.

Fotos cedidas

Bella deixa os cumios de Valdeorras tinguidos de branco