viernes. 29.03.2024

O conselleiro de Cultura e Turismo expuxo ós representantes dos municipios da Ruta Xacobea o proxecto antes da súa licitación

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha xuntanza de traballo cos representantes dos 14 concellos polos que transcorre o Camiño de Inverno. Rodríguez trasladoulles a información sobre a sinalización, o acondicionamento e a mellora que a Xunta levará a cabo nesta ruta na antesala do Xacobeo 2021. As actuacións realizaranse en 190 quilómetros do itinerario por un importe inicial de 1,5 millóns de euros e supoñen a culminación dos investimentos do Plan Director do Camiño de Santiago.

O encontro reuniu os rexedores de Valdeorras: Alfredo García, O Barco; A Rúa; María del Carmén González, Carballeda; Elías Rodríguez, Rubiá; e Enrique Álvarez, Vilamartín. Tamén estiveron os representantes e alcaldes do tramo de Ribeira Sacra: Pobra do Brollón, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Lalín, Ribas de Sil e Rodeiro.



O obxecto da xuntanza foi informar das liñas xerais de traballo que se acometerán nestes concellos e que inclúen accións de mellora da sinalética, tanto horizontal como vertical, a instalación de cunchas de bronce nos lugares declarados BIC e a posta en macha de actuacións de rehabilitación en liña coas obras realizadas nos diferentes Camiños de Santiago. Este é o paso previo á súa licitación, na que se dá continuidade ao diálogo establecido para que os concellos poidan facer as súas achegas.

Segundo o responsable de Cultura e Turismo da Xunta, esta iniciativa ten por obxectivo preparar este itinerario de cara ao próximo ciclo Xacobeo que comezará en 2021. Neste sentido, destacou o potencial de crecemento desta ruta e que o ano pasado experimentou un incremento do 47% segundo as cifras da Oficina do Peregrino. Entre as súas particularidades citou que se trata do único itinerario que transcorre polas catro provincias.

Colaboración institucional

Román

Rodríguez lembrou que o Camiño de Inverno transcorre tamén nos seus inicios

polo un espazo paisaxístico das Médulas, declarado Patrimonio Mundial,

convertendo a esta ruta nun referente no eido do patrimonio cultural. Ademais,

o conselleiro de Cultura e Turismo chamou a todos os axentes implicados a

traballar de xeito conxunto para impulsar o Camiño de Inverno na antesala do

vindeiro Ano Santo. Explicou que a posta en valor desta ruta favorecerá aos

concellos polos que discorre, promovendo a cohesión territorial e a

dinamización destes territorios, favorecendo a creación de emprego.

Os Concellos xa coñecen as propostas para mellorar o Camiño de Inverno