sábado. 07.06.2025

Asunción Arias fala do «ano positivo» da Asociación Camiño de Inverno

A presidenta da Asociación tamén desvela como será o 2024
somoscomarca_obarco_discamino_camiñodeinverno_asuncionarias_2023807
Asunción Arias

A Asociación Camiño de Inverno tivo un ano cheo de visitas, actividades e, sobre todo, agradecementos a todas esas persoas que lles tenderon a man.

«O 2023, para o Camiño de Inverno, foi un ano bastante positivo, sobre todo, se se ten en conta o paso de peregrinos. En xeral, multiplicouse tanto en estranxeiros como da península, incluíndo os portugueses, nun 4,5. Aínda que hai casos nos que foi por 5», explica Asunción Arias, presidenta da asociación. 

Arias, antes de nada, quere volver a realzar unha das moitas características do Camiño de Inverno: «O pasar polas catro provincias galegas, traspasa por unhas comarcas que teñen unha biodiversidade e un microclima específico que fai peculiar a súa paisaxe e a súa xeoloxía». 

Despois de esta especificación, a presidenta asegura que o traballo que se está levando a cabo na asociación é «grande e arduo». O que engade: «As asociacións de este tipo traballa de maneira voluntaria».

Un ano de agradecementos 

«Queremos agradecer en este ano 2023 a dispoñibilidade que houbo por parte de Deputación de Ourense a entregarnos uns cartos que os empregamos no que nos pediron. Aí están, postos uns bancos peregrinos», asegura a presidenta. 

O que se refire Asunción Arias, son uns bancos que percorren o Camiño e que teñen uns versos e poemas específicos do escritor, Delgado Gurriarán. 

«Por outra banda, temos que agradecer a visita da asociación AGAX. Tamén o Concello da Rúa, xa que está todo moi avanzado nese convenio que se vai ter», asegura Arias. 

As visitas o Camiño 

Este ano, Asunción Arias, fixo dúas veces o Camiño. «No mes de maio fixémolo coa asociación Discamino, agradézolle moito a Javier Pitillas esta consideración que tivo para nós», da as gracias a presidenta.

E ela mesma é a encargada de explicar o que foi observando: «O feito de facelo desta maneira deunos a posibilidade de ver a infraestrutura. No que puidemos, intentámolo facer cos servizos dos Concellos. Polo tanto, tamén lle temos moito que agradecer ao Concello e o alcalde de Puente de Domingo Flórez que nos abriu o albergue aínda que non estaba dispoñible. E, tamén, agradecerlle o alcalde de Vilamartín, a Enrique».

Durante o ano se notou un aumento na infraestrutura,  «o que está claro e que non é o mesmo coller unha tenda de campaña a facer unha casa», asegura Asunción Arias. 

Hai unha cousa clara

«Desde o 2011 a nosa Asociación é un continuo estar aí para observar. E está claro que este camiño ten futuro, máis que nada porque ten presente», di Asunción. O que ela quere e que todo o mundo comprenda que «non se debe perder a esencia nin o espírito do Camiño».

O propósito da Asociación neste 2024

«O propósito para o 2024 está en unir máis a todos os valdeorreses e darlles a entender que o Camiño de Inverno é un presente, pero tamén un futuro de Valdeorras e que ten moito que ofrecer», asegura Asunción Arias. Tamén se intentará «que máis xente nova forme parte da Asociación. Temos que pasar a testemuña», conclúe a presidenta. 

Asunción Arias fala do «ano positivo» da Asociación Camiño de Inverno