
A deputada ourensá, Noela Blanco, levou unha Proposición non de Lei ao Parlamento para reclamarlle á Xunta o acondicionamento e mellora da seguridade no Camiño Circular de Valdeorras para o ano 2019. Reclamou separar o tramo que discorre pola N-536 entre as localidades de A Rúa e Vilamartín, dando continuidade ás melloras executadas por Vilamartín, a través do acceso este ao núcleo da Rúa, titularidade da Xunta.
A representante socialista explicou que o camiño está sinalizado, e acondicionado na práctica totalidade do seu percorrido, a excepción do tramo anteriormente citado, que provoca que sexa perigoso para os seus usuarios e usuarias. Por este motivo é necesario separar o camiño da estrada para conseguir un camiño libre de obstáculos e perigos.
Blanco recordou que o Concello de Vilamartín xa realizou varias melloras, pero a dificultade do trazado, as fortes pendentes das ladeiras, a proximidade da infraestrutura do ferrocarril e o feito de que o tramo da estrada polo acceso leste ao núcleo da Rúa sexa de titularidade da Xunta, e non municipal, fan necesaria a intervención do Goberno galego.
Sinalou tamén que o camiño circular de Valdeorras ten unha lonxitude de 82 quilómetros, e a existencia de infraestruturas de servizos fan posible a realización de percorridos, ben de toda a senda ou ben por tramos, posibilitando non só o coñecemento das poboacións que percorre senón tamén dos seus atractivos naturais e monumentais, destacando a Serra Enciña da Lastra, no municipio de Rubiá.