A Veiga pecha 2025 consolidando infraestruturas, servizos e un modelo de futuro sostible

juananta
Juan Anta fai balance en Radio Valdeorras dun ano marcado polas obras, a política social, o impulso económico e a aposta polo turismo de calidade

A Veiga despide o ano 2025 cun balance moi positivo, segundo explicou o seu alcalde, Juan Anta, nunha entrevista en Radio Valdeorras – Onda Cero, coincidindo co Nadal enxebre que converte o municipio nun espazo máxico grazas á iluminación, ás figuras de madeira e á implicación veciñal. Un ambiente que serve de marco para facer repaso dun ano intenso, no que o Concello avanzou en múltiples ámbitos clave.

No capítulo de infraestruturas básicas, Anta destacou as importantes actuacións en auga e saneamento, con intervencións en trece ou catorce núcleos de poboación, así como obras de eficiencia enerxética, entre elas melloras no centro de saúde. Tamén subliñou o avance decisivo da base forestal, que entra na súa fase final, e a posta en marcha de novos equipamentos municipais.

O 2025 foi tamén un ano relevante no eido do desenvolvemento económico e o emprendemento, coa apertura do CIMA – Obradoiro de Cociña, onde xa se elaboran produtos como marmeladas e se prepara a transformación cárnica para o inicio do próximo ano.

A este proxecto súmase o obradoiro de Turróns, concibido como espazo social e económico no que conviven asociacións, iniciativas piloto e proxectos emprendedores ligados aos produtos locais, como o arándano, o mel ou os boletus.

En materia de política social, o alcalde puxo en valor a consecución de fondos que permitirán contratar tres persoas para atención a maiores, coidado de menores e inserción laboral, ademais da incorporación dunha persoa técnica de turismo.

Anta incidiu en que A Veiga aposta por un modelo de concello con servizos amplos e de calidade, garantindo ambulancia, GES, atención á terceira idade, casas niño e unha ampla oferta de actividades culturais, deportivas e educativas para unha poboación duns 900 habitantes.

Outro dos piares da acción municipal é a vivenda, ámbito no que A Veiga se sitúa como referente en Galicia, cunha forte presenza de vivenda pública e incentivos á rehabilitación privada, clave para atraer novas familias. Todo isto encaixa cunha aposta clara por un turismo sostible e diversificado, no que conviven natureza, praias fluviais, rutas verdes e o turismo astronómico, reforzado polo proxecto Al-majisti, o observatorio, as feiras consolidadas e novos eventos que dinamizan comercio, hostalería e economía local.

O alcalde tamén fixo referencia á mellora de 23 quilómetros de estradas, á construción de novos edificios públicos e ás actuacións previstas na praia dos Franceses, co obxectivo de converter A Veiga nun lugar privilexiado para vivir. Neste contexto, defendeu unha visión de futuro ligada aos montes e á industria forestal, impulsando proxectos de aproveitamento da madeira, biochar ou transformación local que xeren emprego e riqueza no territorio.

Anta non evitou a vertente máis reivindicativa, criticando a supresión de servizos e paradas ferroviarias que afectan ao rural, e lembrando o seu papel activo na defensa das paradas do AVE na Gudiña. Reivindicou maior implicación de todas as administracións para garantir igualdade de oportunidades e futuro para os concellos do interior.

Un ano de bases sólidas para seguir avanzando

No peche da entrevista, Juan Anta lanzou unha mensaxe de optimismo e compromiso: seguir traballando con ilusión, aproveitar os fondos europeos e reforzar a cooperación comarcal para construír unha A Veiga con máis servizos, máis emprego e mellor calidade de vida. Un 2025 que deixa feitos, proxectos e unha folla de ruta clara cara a un futuro sostible e cheo de oportunidades para o municipio e para toda a comarca.